miércoles. 24.04.2024
Inma Jardón, con dous dos seus libros.
Inma Jardón, con dous dos seus libros.

A mestra de Educación Infantil Inma Jardón presentará o vindeiro luns o seu conto autopublicado, "De que trata o amor?", no centro de día Solleira ás 11:00 horas. Esta actividade forma parte da programación polo 4º aniversario do centro e os maiores poderán coñecer a historia de Xián, un rapaz con discapacidade, a través dos textos de Jardón e das ilustracións de María de Santiago.

De que trata este libro?

"De que trata o amor?" é un conto infantil ilustrado que autopublicamos, do que eu fixen os textos e María de Santiago as ilustracións. Contamos a historia dun neno en silla de rodas -Xián- que chega a un novo colexio, onde ten que facer amizades e integrarse, notándose extraño por ser diferente. Por sorte, conta con outro rapaz que o axuda e a través diso falamos de temas como a empatía, o amor, a amizade, a diversidade e ata o medo ao diferente.

Por que decidiu publicalo?

Eu son mestra de Educación Infantil e o mellor recurso para tratar temas cos nenos, son os contos. Ás veces temos situacións nas que inventamos historias e llas contamos para intentar explicarllas. Este conto xa ten uns anos e relatáballo moitas veces, pero a través da miña conta de Instagram (@a_profe_inne), vin que outros compañeiros publicaban contos e informeime. Determinei que ía autopublicalo e decidimos darlle para adiante coas ilustracións de María e os meus textos. Debemos levar un ano montando e planificando todo.

María de Santiago é a ilustradora de "De que trata o amor?".
María de Santiago é a ilustradora de "De que trata o amor?".

 

Onde se pode conseguir?

O conto pódese mercar en varios puntos de Xinzo como a Librería Nobel, en Las Marías e no estudo de tatuaxes M de Santiago. Ademais, é un libro solidario a favor de Limisi. Por cada exemplar, un euro vai doado para eles. Eu traballei en Limisi e daste conta de que son persoas capaces de facer moitas cousas, teñen moito mérito e enfróntanse a moitas trabas que lle poñemos nós. Polo momento, seguimos traballando para ver se o podemos ter en máis sitios.

O conto, é só para un público cativo?

Cando me preguntan para que idades é o conto, sempre digo que de 3 a + 99 anos. Dependendo da etapa da vida na que te atopes, podes interpretar unha mensaxe ou outra. En definitiva, é un conto para toda a familia, porque se verá a importancia do que se lle di aos nenos na casa e como se tratan os temas nela. Se os crías e os educas nese respeto polo diferente, medrarán respetándoo. Para os maiores tamén pode valer, xa que estén en silla de rodas como Xián, poden velo doutra maneira e empatizar con el, igual que nenos que teñan avós nesta situación. Só podo dicir que está gustando moito.

ENTREVISTA | Inma Jardón: "É importante educar ás crianzas no respeto ao diferente"