A semana rematará cunha festa de sombreiros artesanais e un obradoiro de graffitis

O campamento urbano do Concello de Verín programa unha acampada nocturna para os cativos

Os cativos do campamento de verán tamén teñen unha participación moi activa na Batucada de Verín.
As actividades do campamento urbano que todos os anos pon en marcha o Concello de Verín están a piques de rematar. Os seus organizadores apuran o calendario para darlle unha máis que salientable despedida

A Ludoteca de Verán e o campamento urbano do Concello de Verín programan unha serie de xornadas ateigadas de actividades para os máis novos como broche final a un verán que pretenden despedir por todo o alto dentro dun par de semanas. Acampadas nocturnas, xornadas de piragüismo, xogos tradicionais, cinema ou percorridos en bicicleta á beira do Támega, son algunhas das propostas que os responsables da iniciativa teñen programadas para os vindeiros días. 

Así, mañán 27 de agosto, a acampada nocturna estará precedida dunha cea no parque da Alameda, ágape que rematará con xogos en grupos. Amencerán o 28 de agosto a carón do Támega, para unha posterior xornada de piragüismo nas súas augas. Un día despois, o 29 de agosto, será a quenda dos xogos tradicionais. 

A semana rematará con dúas actividades ben distintas, en función da idade dos participantes no campamento. Os máis cativos protagonizarán a festa do sombreiro, para a que será imprescindible que leven un propio e feito por eles. Os que non o sexan tanto, acudirán a un obradoiro de graffitis dentro da programación preparada polo festival Extruga Street.  

CONCILIACIÓN DE 210 CATIVOS

Un total de 210 de menores ocuparon as súas vacacións de verán deste ano asistindo a estas actividades nas que o ocio e a diversión van da man. Diariamente a programación estivo pensada para fomentar a vida saudable, o deporte, a cultura e a curiosidade entre os máis cativos. Xogar aprendendo e ganando valores grazas a actividades como acampadas, obradoiros, excursións e celebración de festexos como San Fermín, o día de Galicia ou a Batucada.

Estas actividades están organizadas dende a área de Mocidade do Concello de Verín. A Ludoteca de Verán e o Campamento Urbano son dous proxectos destinados a conciliar a vida laboral e familiar dos proxenitores e cubrir o tempo vacacional dos menores con idades comprendidas entre os 3 e 13 e 10 e 14 anos, respectivamente.