O varón, de nacionalidade portuguesa e 35 anos, adicábase con asiduidade á venda ao por menor de droga

Detido o camareiro dun clube de alterne da Alameda de Verín por tráfico de cocaína

Material e diñeiro en efectivo incautado ao detido no local de ocio no que traballaba. FOTO: Garda Civil

Unha inspección, este sábado pasadas as 23,00 horas nun local de ocio da vila ubicado na praza da Alameda, deixou como resultado a detención dun camareiro de 35 anos e a incautación de 9 doses de cocaína xa listas para a venda, dous teléfonos móbiles e 140 euros en efectivo, así como varios úteis para a súa preparación. 

Axentes da Garda Civil de Verín detiveron este pasado sábado, ás 23,00 horas, a un veciño de Verín, de nacionalidade portuguesa e 35 anos de idade, por un presunto delicto de tráfico de drogas logo de efectuaren unha inspección no local no que traballaba como camareiro. Segundo informaron fontes policiais, o detido adicábase con asiduidade á venda ao por menor de substancias estupefacientes nun clube de alterne ubicado na praza da Alameda de Verín.

A visita dos axentes ao citado local de ocio propiciou a localización dun habitáculo que aínda que aparentemente estaba destinado ao almacenamento de bebidas, nel atopábanse unha caixa de cartón que contiña 9 doses de cocaína preparadas para a venda, unha báscula de precisión e diversos recortes ultimados para a confección das doses. Os gardas civís tamén incautaron 140 euros en efectivo e dous teléfonos móbiles.