O Conselleiro de Sanidade reunirase con membros da Plataforma da Sanidade Pública e da Comisión Delegada do Hospital

Momento do encerro do persoal do Hospital de Verín no centro sanitario esta mañá.

O encerro do persoal do hospital manterase á espera das decisións que poda tomar Vázquez Almuíña, máximo responsable político da Sanidade Pública Galega. Membros dos colectivos de defensa do Hospital de Verín anuncian que convocarán unha asamblea cidadá para informar de todo o falado na reunión co conselleiro.

Según acaba de saber este diario, o Conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, cedeu ante as protestas e peticións da veciñanza da bisbarra de Verín. Esta tarde, ás 20:00 horas, reunirase con membros da Plataforma para a Sanidade Pública e da Comisión Delegada do Hospital para escoitar as reclamacións e analizar a actual situación do centro sanitario.

A xuntanza terá lugar na delegación da Xunta en Ourense e, pese a cesión ante as masivas protestas da veciñanza, somentes acepta reunirse con cinco membros representantes da Comisión Delegada do Hospital e maila Plataforma para a Sanidade Püblica da comarca de Monterrei.

Pese a boa nova, dende estes colectivos advirten que o peche do persoal do Hospital de Verín seguirá activo á espera de escoitar o que ten que dicirlles o máximo responsable da Sanidade Pública Galega.

Os representantes dos colectivos citados á reunión consideran un logro que o Conselleiro de Sanidade veña ata a Ourense para reunirse con eles.  Van á xuntanza dispostos a escoitalo, pero con certas reticencias ó que poidan comunicarlles. "Gracias a todos, esto é un logro".

Aproveitan para anunciar que convocarán á veciñanza a unha asamblea, mañá martes, para informar sobre todo o falado na reunión co conselleiro e, entre todos, poder tomar unha decisión respecto ás medidas a levar a cabo a partir de entón. Insisten, que non se trata somentes do peche do paritorio, tamén hai que lembrar que desaparecen as urxencias pediátricas e que xa non hai Servizo de Dermatoloxía no Hospital de Verín.