
Ante a grave situación sanitaria, a Biblioteca Municipal do Concello de Verín adapta a súa programación organizando un total de sete videoconferencias temáticas, entre os meses de febreiro e xuño do ano 2021. Tamén poñerán á disposición dos centros escolares da vila visitas virtuais polas súas instalacións.
Inicialmente, estas charlas terán como primeiros destinatarios aos alumnos e alumnas dos centros escolares do municipio, pero posteriormente estarán a disposición do público xeral na canle de Youtube da Biblioteca. As conferencias impartiranse en horario matinal e terán unha duración de, aproximadamente, 30 minutos.
Biblioteca Municipal de Verín. | FOTO: arquivos.
A concelleira de Educación, Festexos e Cultura, Emilia Somoza, o explica do seguinte xeito: ''Seguimos buscando fórmulas alternativas para manter a actividade cultural na nosa vila. Entendemos que nestes difíciles momentos, nos que todos estamos obrigados a permanecer tantas horas nos nosos fogares necesitamos buscar proxectos atraentes que usen as plataformas dixitais e que cheguen á cidadanía dunha maneira totalmente segura''.
Seguimos buscando fórmulas alternativas para manter a actividade cultural na nosa vila (Emilia Somoza, concelleira de Educación, Festexos e Cultura)
Ademais destas conferencias temáticas, os responsables da Biblioteca Municipal tamén ofrecerán aos centros escolares verineses a posibilidade de realizar unha visita guiada polas súas instalacións, explicando os fondos cos que contan así coma os distintos traballos e o valor que teñen as bibliotecas na vida das persoas.
Videoconferencias temáticas:
- 9 Febreiro: estará o escritor e secretario da Soc. Antropolóxica Galega, Miguel Losada con ''Cigarróns do oeste: Traxes, zamarras e pistolas''.
- 3 Marzo: a escritora Toti Martínez de Lezea con ''O outro Camiño de Santiago''. Fará unha análise de como era realmente o Camiño de Santiago dende antigo, antes da súa maior difusión pola relixión cristiá.
- 7 Abril: o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a profesora da USC, biógrafa de Xela Arias e crítica literaria, Montse Pena Presas con ''Letras Galegas 2021: Xela Arias''.
- 30 Abril: o escritor Francisco Narla con ''Escribir o pasado'' e a presentación da súa última novela: ''Fierro''.
- 7 Maio: o escritor e xornalista Domingo Villar con ''De ollos de auga ata o último barco: a serie de Leo Caldas''.
- 21 Maio: a escritora e avogada, Ledicia Costas coa presentación do libro ''Infamia''.
- 3 Xuño: a escritora Eva Mejuto coa presentación do libro ''Memorias do silencio''.