Xoves. 28.03.2024
Unha ducia de representantes sindicais pasarán o día e a noite concentrados na procura de melloras laborais

De acampada na mesma recepción do hospital comarcal de Verín

Ata as nove da mañá deste xoves permanecerán pechados no recibidor do hospital unha ducia de traballadores e representantes sindicais de todas as forzas con presenza na plantilla da instalación sanitaria comarcal, agás a médica CESM. Reclaman da Administración autonómica revertir "o progresivo desmantelamento dos hospitais comarcais de Verín e Valdeorras e mellorar a calidade das contratacións laborais", sinalan.

Todos os sindicatos con representación -agás o médico CESM-Omega- no hospital comarcal de Verín secundaron a concentración e peche que está tendo lugar no interior da instalación sanitaria. Unha ducia de traballadores presididos por unha visible pancarta montaron o posto de acampada diante dos mostradores de recepción para lembrarlle aos usuarios do Sergas que ao longo deste mércores por alí pasaron que están "en loita por conquerir condicións dignas para os nosos compañeiros, e para evitar que pouco a pouco se vaian desmantelando servizos médicos da propia instalación", sinala unha das concentradas e delegada sindical da CIG, Eva Fernández Pereira.

Segundo explican os alí pechados e como xa así veñen reivindicando nos últimos meses con concentracións periódicas todos os mércores, "é evidente, por moito que nos intenten convencer do contrario, de que se están a reducir os efectivos no ámbito asistencial. Así, este peche xurde para reclamar á dirección deste centro que polo menos cubra as prazas dunha auxiliar de clínica, dun celador e dun médico internista. Dos dous que estaban, a un non se lle renovou o contrato e acabou sendo contratado no Barco de Valdeorras, e o outro presta tamén servizos no HADO (Hospitalización a domicilio), co cal non está en grande parte da mañá nas instalacións", di Fernández Pereira.

Teñen que rematar coa precariedade laboral nuns contratos tanto a persoal sanitario como administrativo que impiden que se fixe poboación na vila ou comarca e que os designados queiran quedarse en Verín. Cómo van a aceptar de bo grao un contrato de dous meses de duración e co desprazamento que supón dende Ourense?

Pero non rematan aquí as reivindicacións dos concentrados. Tamén demandan que se creen prazas de xeito definitivo para aqueles servizos nos que se está constatando que existe una secuencia regular de contratacións periódicas. "Non é de recibo que, por exemplo, a fisioterapeuta que vén polas tardes leve cinco anos cunha xornada case idéntica, isto é proba evidente de que a demanda existe, e sen embargo vén concatenando case tres anos de contratos temporais", explica Eva Fernández. "Teñen que rematar coa precariedade laboral nuns contratos tanto a persoal sanitario como administrativo que impiden que se fixe poboación na vila ou comarca e que os designados queiran quedarse en Verín. Cómo van a aceptar de bo grao un contrato de dous meses de duración e co desprazamento que supón dende Ourense?", inquirían pouco antes da concentración que ao mediodía tivo lugar diante das portas da entrada principal.

RESPALDO DOS CANDIDATOS DE EN MAREA

Un dos primeiros en chegar ao lugar do peche foi Iván Olmos Ferreiro, o número un ao Congreso por Ourense de En Marea, que estivo acompañado tamén polo seu homólogo ao Senado, Millán Brea. Os dous interesáronse pola situación da plantilla do hospital incidindo en que "o que está a ocorrer é unha absoluta falta de decencia por parte dos xestores do Sergas, a precariedade tanto laboral como de medios é preocupante, e sobre todo é preocupante porque no seu discurso queren potenciar o rural e están a facer todo o contrario", sinalou Millán Brea.

Os candidatos de En Marea conversan cos voceiros sindicais diante das colchoneta que usarán para durmir.Os números un da candidatura de En Marea por Ourense ao Congreso e o Senado, Iván Olmos e Millán Brea, conversando cos voceiros sindicais diante das colchonetas que usarán para dormir os concentrados.

Na mesma liña se manifestou o número un ao Congreso dos Deputados, Iván Olmos Ferreiro: "Estas mobilizacións, que xa levan moito tempo, responden a un interese por parte do Sergas do progresivo desmantelamento dos hospitais comarcais de Verín e Valdeorras; estamos vendo como algunhas especialidades non se están cubrindo para poder prestar o servizo cunhas mínimas garantías de calidade ou se acumulan contratos temporais, precarios nalgunhas ocasións, cunha total ausencia de contratos indefinidos para que a xente se poida quedar. Ao que se lle suma a falta de investimentos, por non falar da preocupación compartida por todas as forzas sindicais do posible desmantelamento da cociña do hospital e a perda dos postos de traballo", explicou o candidato limián Iván Olmos.

Os concentrados tamén recibiron ao longo da mañá a visita da candidata por Unidas-Podemos ao Congreso por Ourense, Ledicia Piñeiro.

O hospital de Verín mantén un progresivo aumento da súa actividade asistencial no que a intervencións e consulta se refire, din dende o Sergas

Pola contra, dende a Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde lamentaron e rechazaron as declaracións dos representantes sindicais do centro, "sen base real algunha, como se pode demostrar con datos do cadro de persoal e inversións, tanto en equipamento como en mantemento", din dende o Sergas.

"Proba diso -continúan-, é que o hospital de Verín mantén un progresivo aumento da súa actividade asistencial no que a intervencións e consultas atinxe" e atribúen esta "suposta reivindicación laboral, sen concretar, e que só se xustifica pola proximidade das eleccións sindicais e no contexto político electoral actual", conclúen.

De acampada na mesma recepción do hospital comarcal de Verín