Explícasmosche como empregalo e onde para converter o teu ocio en turismo solidario

Bono Turístico en Verín e Viana: establecementos nos que podes axudar a reactivar as zonas arrasadas polos incendios

A día de hoxe, oito establecementos turísticos das comarcas de Verín e Viana participan na campaña. | FOTO: Casa rural O Retiro do Conde.

O verán deixou unha fonda pegada nas comarcas de Verín e Viana do Bolo, pero a solidariedade pode ser o mellor bálsamo. Se conseguiches o teu Bono Turístico, tes nas túas mans unha ferramenta directa para reactivar a economía local nas áreas que máis o precisan tras ser devastadas pola vaga de incendios.

Dende o pasado 15 de setembro pódese utilizar o saldo do Bono Turístico nos establecementos asociados á campaña #DescubreGaliciaenOutono. Este ano, máis de 16.600 bonos foron descargados; se tes o teu, é o momento de convertelo en motor de apoio para os negocios das zonas afectadas polos incendios e converter o teu tempo de lecer en moito máis que ocio: é turismo solidario.

Como funciona o Bono Turístico e as datas crave

O sistema do Bono Turístico está pensado para ser sinxelo e funciona a través dunha aplicación móbil tipo wallet cun código QR. Cada persoa pode ter ata dous bonos de 150 € cada un, cun cofinanciamento do 40% por parte da Xunta; é dicir: 60€ pola Xunta de Galicia e 90€ polo usuario.

Cada un dos bonos poderá utilizarse ata o 25 de decembro deste ano. A día de hoxe hai máis de 500 establecementos de Galicia adheridos ao programa, 74 na provincia de Ourense, pero poden seguir uníndose ata o vindeiro 1 de decembro. Ata esa data, poderá haber novos locais nos que usar o Bono Turístico. Así que, somentes tes que buscar o distintivo #DescubreGaliciaenOutono nos establecementos, amosar o QR no momento do pago e vivir unha experiencia diferente e con impacto real.

Distintivo da campaña #DescubreGaliciaenOutono, o bono turístico da Xunta de Galicia. | FOTO: Bono Turismo.

Establecementos nas comarcas de Verín e Viana

Pensa no teu bono como un investimento directo en axuda. Cada euro que gastas nun aloxamento ou restaurante destas comarcas mobiliza a economía local e reforza o moral dos negocios. Queres saber onde gastar o teu bono e facer a túa achega solidaria? O listado completo de locais que participan na campaña podes velos na web oficial do bono turístico da Xunta de Galicia. Aquí tes algúns dos locais adheridos no noso territorio:

  • Aloxamentos na comarca de Verín/Monterrei: O Retiro do Conde (Vilaza, Monterrei), Parador de Verín e Hotel Villa de Verín.

  • Aloxamentos na comarca de Viana: O Trisquel (Vilanova, A Veiga), Eido do Trisquel (Vilanova, A Veiga), Eido das Estrelas (Valdín, A Veiga), O Trancallo (Mourisca, Viana do Bolo) e Pensión Rústica Santa Marina da Ponte (Santa Mariña da Ponte, Viana do Bolo).

O outono en Galicia ofrece a posibilidade de descubrir paisaxes idílicas e sabores únicos. | FOTO: Turismo de Galicia.

Descubre Galicia en outono

O Bono Turístico da Xunta de Galicia adquiriu este ano unha dimensión de solidariedade e apoio directo á economía rural. Tras a devastadora vaga de incendios que golpeou con dureza as nosas comarcas de Verín e Viana do Bolo, Turismo de Galicia anima aos usuarios a que os bonos descargados se invistan nos negocios dos concellos afectados.

O programa de Bonos Turísticos xurdiu en 2020. Este ano, descargáronse 16.666 bonos, o que supón unha inxección de 2,5 millóns de euros no sector. Dende a súa posta en marcha, activáronse máis de 63.000 bonos e mobilizáronse máis de 16,5 millóns de euros. Este esforzo promocional da Xunta busca dinamizar o consumo turístico e impulsar o emprego fóra da tempada alta, xerando un importante impulso solidario.