Dúas persoas resultaron feridas este domingo nun accidente de tráfico rexistrado no municipio de Monterrei. O sinistro produciuse na estrada OU-1014, á altura da parroquia de Vilaza, e consistiu nunha colisión entre dous vehículos.
Segundo a información facilitada, foi un dos implicados quen contactou co 112 Galicia pasadas as 18:30 horas, indicando que lograra saír do seu coche polos seus propios medios. No outro turismo había, polo menos, unha persoa ferida que precisaba asistencia.
Ata o lugar desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Verín, que procederon á excarceración dunha das vítimas. Tanto esta persoa como outro dos feridos foron posteriormente evacuados ao centro hospitalario de referencia.
No operativo tamén participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e voluntarios de Protección Civil de Cualedro-Monterrei.
