viernes. 19.04.2024
As dúas institucións veñen de recibir o apoio expreso dos seus concellos para unha reapertura inminente

Raiola e Limisi, da man contra a decisión da Xunta de manter pechados os centros de día e ocupacionais

Verín e Xinzo de Limia, entre outras moitas cousas, comparten a dúas institucións sociosanitarias vítimas dunha decisión da Xunta de Galicia que as mantén pechadas, en contra, entre outros moitos colectivos, do criterio das súas responsables -Chelo Ferreio, por Raiola, e Lucía Lavandeira, de Limisi-, que sosteñen nesta conversa cas redacións de Diario do Támega e Dende a Limia a "imperiosa necesidade de que retomen a actividade, non por nós, senón polas familias dos nosos usuarios". 

Chelo Ferreiro (esquerda), directora do centro de día Raiola de Verín, con Lucía Lavandeira, pedagoga en Limisi (Xinzo de Limia). | FOTO: Luis Veloso.
Chelo Ferreiro (esquerda), directora do centro de día Raiola de Verín, con Lucía Lavandeira, pedagoga en Limisi (Xinzo de Limia). | FOTO: Luis Veloso.

Lucía e Chelo teñen, menos a idade, moitas cousas en común. Posúen un alto grao de compromiso, sobre todo con aqueles aos que os anos, a natureza ou mesmo un desgraciado accidente lles minguou a capacidade que a maioría de todos nós desfrutamos e, na maioría dos casos, non sabemos aprezar en toda a súa amplitude. 
As dúas son tamén, curiosamente, das terras da Limia, e as dúas compartiron durante moito tempo residencia nunha rúa da capital das Burgas. 

Todo o anterior podería ser común a moita outra xente, pero de seguro lle faltaría a última das condicións que as levou a xuntarse non Xpazo de Xinzo de Limia -un espazo coworking na rúa Curros Enríquez da capital antelana- diante das cámaras de Diario do Támega e Dende a Limia: unha decisión de última hora do presidente da Xunta da Galicia, na que ordenaba a imposibilidade de que tanto os centros de día para maiores como aqueles ocupacionais para persoas con diversidade funcional poideran reanudar a súa actividade, recuperando as terapias de traballo que tan beneficiosas lles resultan aos seus usuarios. 
Lucía Lavandeira, de 26 reivindicativos anos, é pedagoga en Limisi, o centro de diversidade funcional de Xinzo de Limia que mantén as súas portas pechadas dende o 13 de marzo deste 2020 e que, incomprensiblemente para o seu equipo xestor, só pode recibir cunha cita previa aos usuarios que así o demandan. A entidade para a que desenrola a súa ocupación é sen ánimo de lucro. Cubren gastos do seu persoal, financianse de axudas públicas pero tamén dos moitos produtos que os seus usuarios elaboran dentros dos programas de terapia ocupacional, e que logo venden. Este confinamento non só lles está pasando factura á estabilidade anímica e emocional dos que acudían de xeito regular a Limisi, tamén de maneira textual, pola merma de ingresos froito da nula comercialización da súa producción. 

Aínda que, evidentemente, a Lucía Lavandeira non é iso o que lle preocupa, senón a "desesperación que están a vivir as familias deses nosos mociños e homiños que acudían a Limisi a algunha das nosas terapias, e que agora levan meses pechados nas súas casas e nalgúns casos experimentando capítulos notables de agresividade pola falta das rutinas ás que estaban acostumados. Non esquezamos que as terapias están para manterse, e o non facelo, e mesmo seguilas mantendo en suspenso ata dentro de tres meses máis suporá un considerable agravamento da situación dos nosos usuarios e un indiscutible retroceso de todo o que ata o de agora tiñan avanzado", di a xoven Lavandeira. 

Preocúpame a desesperación que están a vivir as familias deses nosos mociños e homiños que acudían a Limisi a algunha das nosas terapias (...), e que nalgúns casos están experimentando capítulos notables de agresividade pola falta das rutinas ás que estaban acostumados (Lucía Lavandeira, pedagoga en Limisi)

Nesa mesma liña apunta a crítica Chelo Ferreiro, directora do centro de día para maiores do Concello de Verín: "As familias xa non poden conciliar máis, saben perfectamente que tanto en Limisi como en Raiola -o centro de día verinense- os seus familiares van a estar ben coidados e non correrán máis riscos dos que poden correr ata o de agora, porque nós somos as primeiras interesadas en que non se dé un caso de contaxio nas nosas institucións. No meu caso, os meus maiores estánse vindo abaixo, algúns deterioráronse tanto que, lamentablemente, non se poderán reincorporar. Pésanos ese deterioro", remata Ferreiro Fernández. 

O día que conversaban cas redacións de Diario do Támega e Dende a Limia coñecíase "a peregrina decisión de abrir con cita previa, que me digan a min como elaboro un calendario de atención sociosanitaria aos meus maiores con cita previa", di Chelo Ferreiro, un paso "difícil de enteder" -asinte Lucía Lavandeira- cando todos os colectivos implicados e profesionais expertos reclamaban de xeito unámine a reapertura dos centros de día. Sen ir máis lonxe, un dos últimos en apoiar esa causa foi o candidato á presidencia da Xunta de Galicia por Marea Galeguista, Pancho Casal, logo de que xa o fixeran, entre outros, Gonzalo Caballero polo PSdeG e os seus cabezas de lista en Ourense, ou Ana Pontón, do BNG, coa súa lugartenente provincial, Noa Presas, quen tamén visitou o centro de día Raiola o pasado xoves día 11 de xuño. 

Pancho Casal esixiulle a Feijóo a apertura inmediata dos centros de día asegurando que noutras autonomías "estes centros xa están abertos e funcionando de xeito habitual" e criticoulle "estar máis preocupado polo fomento do turismo ou a apertura dos locais de ocio nocturno que porque os nosos maiores poidan acudir aos centros de día a realizar terapias que son esenciais para o seu desenvolvemento físico, psicolóxico e social. O deterioro dos nosos maiores durante esta etapa de confinamento xa é unha realidade e a falta de actividade, terapias cognitivas, rehabilitación ou exercitación da memoria seguirá causando estragos no seu estado e sobrecargando aos seus familiares facendo da conciliación unha tarefa imposible".

O candidato á presidencia da Xunta pola Marea Galeguista aseguraba tamén que "a prestación de servizos dun centro de día, as súas terapias e atención psicosocial, dificilmente poden ser suplidas por actuacións de asistencia a domicilio", aproveitando para cualificar de "irrisorias" as axudas anunciadas polo presidente como alternativa ás familias durante o tempo que os centros de día permanezan pechados, que apenas chegan a 500 euros, sendo "notoriamente insuficientes, pois apenas cubrirían unha hora de atención ao día".

As axudas anunciadas polo presidente como alternativa ás familias durante o tempo que os centros de día permanezan pechados son irrisorias e notoriamente insuficientes, pois apenan cubren unha hora de atención ao día (Pancho Casal, candidato á Xunta por Marea Galeguista)

Critica tamén Pancho Casal a apertura individual e con cita previa proposta pola Xunta, pois considera que "cunha hora diaria de terapia a unha persoa soa non se conseguen acadar os obxectivos de estimulación precisos, sendo necesario o grupo para elo, pois a socialización tamén é un factor moi importante para o bo funcionamento destas terapias". 
Dende a Marea Galeguista critican que Feijóo manteña pechados os centros de día por motivos electoralistas, esixíndolle "a súa inmediata apertura", pois segundo indican "é incomprensible que as persoas maiores poidan ir a votar ou a unha cafetería pero non ao seu centro de día, onde se aplican todas as medidas de seguridade e hixiene, a recibir unhas terapias que son esenciais para o mantemento da súa calidade de vida".

O apoio dos Concellos de Verín e Xinzo

Ás reivincidacións de Chelo e Lucía tamén se sumaron os dous grupos de Goberno local. No caso do verinense, o seu alcalde, Gerardo Seoane, do PSdeG, asinou unha carta -contando co apoio indiscutible do seu socio no Executivo Diego Lourenzo, do BNG- na que lle instaba a Núñez Feijóo a reconsiderar o peche dos centros de día e permitir a súa reapertura polos "danos que lles estaba a ocasionar aos maiores de vila usuarios da instalación o feito de levaren tanto tempo sen as súas terapias de estimulación física e cognitiva". 
En Xinzo de Limia non foron menos, e tanto a xunta de portavoces por unanimidade, como a vindeira sesión plenaria, aprobaron e aprobarán -respectivamente- unha resolución no mesmo sentido, facéndose eco do clamor das familias e terapeutas de Limisi, que reclaman insistentemente o inminente restablecemento da súa actividade. 

Raiola e Limisi, da man contra a decisión da Xunta de manter pechados os centros de día...