jueves. 25.04.2024
A Eiruga Procesionaria
A Eiruga Procesionaria

Inda que a primavera inda non estea cerca, xa se empezan a ver as filas de eirugas procesionarias que saíron dos seus niños nos piñeiros para enterrarse e continua-lo seu ciclo biolóxico. Cada ano que pasa, eclosionan máis cedo.

Estas filas de eirugas en procesión representan un gran perigo para animais excesivamente curiosos como os cans, que ó tomar contacto con elas, poden lesionarse e enfermar gravemente. En gatos é moito máis difícil (aínda que non imposible) que isto ocorra, debido ó selectivos e cautos que son por natureza, a diferencia dos cans. Estas eirugas non pican, mais, o simple contacto cunha zona por onde pasaran ou caera un niño e houbera peliños delas, pode provocar esta afección. Isto é debido a que os pelos das fases larvarias da procesionaria do piñeiro (Thaumatopoea pityocampa) conteñen un veleno, a thaumatopina, o cal confírelles capacidade urticante para a súa propia supervivencia.

Estas filas de eirugas en procesión representan un gran perigo para animais excesivamente curiosos como os cans, que ó tomar contacto con elas, poden lesionarse e enfermar gravemente.

Así pois, os cans aféctanse por contacto directo cos pelos, os cales necesitan cravarse sobre a pel intacta para liberar o veleno. Estes pelos producen habóns moi prurixinosos nas zonas máis sensibles da pel e co seu rascado facilítase a súa diseminación. A zona máis afectada nos cans adoitan ser os belfos e a boca, sobre todo a lingua, xa que poden lamber ou morder as eirugas ou a zona con pelos, anque poden afectarse outras zonas como as patas, outras partes da cara ou os ollos mesmos.

Os síntomas máis característicos que produce esta larva son un aumento da salivación (babexo exaxerado), excitación, dor, prurito facial, inflamación de beizos, cavidade bucal e lingua, ás veces da cabeza en xeral e incluso poden aparecer vómitos. A evolución normal se houbo contacto coa lingua ou outra parte da mucosa oral, é que a zona afectada se necrose (morra o tecido), a pel tórnase negra e seca e se desprenda. Se o veleno chega á larinxe, córrese un gran perigo xa que o animal pode morrer por asfixia. Hai que engadir o risco de choque anafiláctico en animais parcialmente sensibles ou por envelenamentos sucesivos, que poden derivar na morte do animal nun período de tempo moi curto.

A zona máis afectada nos cans adoitan ser os belfos e a boca, sobre todo a lingua, xa que poden lamber ou morder as eirugas ou a zona con pelos, anque poden afectarse outras zonas como as patas, outras partes da cara ou os ollos mesmos.

O tratamento debe instaurarse o antes posible, preferiblemente en canto nos demos conta de que o animal se viu afectado. Trátase dunha urxencia sempre e como tal debemos acudir en axuda de profesionais. A primeira medida que se recomenda xusto despois de darse conta é lavar abundantemente a zona con auga tépeda e unha sustancia ácida (zume dun limón ou vinagre). Aparte dos procedementos que poidan ser necesarios dependendo da severidade do proceso, o tratamento é o convencional de choque e a instauración posterior dunha terapia segundo a evolución das lesións.

Ó igual que as nosas mascotas, os seres humanos tamén poden verse afectados. Os pelos urticantes poden flotar no aire procedentes dos niños abertos e afectar a orellas, nariz e gorxa. Os nenos son especialmente sensibles en parte, pola súa natureza curiosa e chegar a tocar ou xogar coas eirugas en procesión.

Os pelos urticantes poden flotar no aire procedentes dos niños abertos e afectar a orellas, nariz e gorxa.

A mellor medida para loitar contra esta eiruga e as súas consecuencias é a prevención. Durante a tempada das procesións destas eirugas, hai que estar atentos e evitar que os cans paseen ó redor de piñeiros onde se observen niños ou zonas onde se vexan as filas das eirugas. Se nos nosos domicilios hai piñeiros con bolsas de procesionaria, debemos responsabilizarnos de podar esas ramas e facer a queima antes de que saian os bichos e eclosionen as larvas. Con esta última medida faremos, ademais, un ben á poboación de piñeiros ó sanealos. Os traballos dos equipos de control de pragas das nosas localidades deben centrarse na súa destrución e deben estar alertados da presencia destes niños ou bolsas para poder destruílos.

Aínda que os métodos de control humano son necesarios en zonas con moita densidade de niños, a natureza é o mellor método de control. A procesionaria ten abundantes depredadores naturais. Insectos como a formiga cabalaria e as avésporas e paxaros insectívoros como o ferreiriño e o cuco, comen dos niños da procesionaria, os merlos e as bubelas son depredadores das crisálidas enterradas, polo que no noso entorno temos depredadores naturais desta praga.

Durante a tempada das procesións destas eirugas, hai que estar atentos e evitar que os cans paseen ó redor de piñeiros onde se observen niños ou zonas onde se vexan as filas das eirugas

A saúde ambiental, a animal e a humana, o enfoque One Health, debe ser tido en conta na xestión das procesionarias

OPINIÓN | O perigo da procesionaria