A última semana os medios de comunicación fixéronse eco dunha noticia: “A partires do cinco de xaneiro as mascotas deberán contar cun DNI-Animal”.
Nos centros veterinarios de toda a península recibíronse un aluvión de chamadas preguntando como solicitalo ou adquirilo. Ademais, facíase referencia a un “curso de capacitación para a tenza de animais de compañía.”
Un anteproxecto paralizado
Ante estes titulares, imos tratar de resolver algunhas dúbidas que xurden despois da súa lectura. Estas son medidas que se contemplan no Anteproxecto de Lei de Protección e Dereitos dos Animais, anteproxecto que agora mesmo se atopa paralizado.
O 5 de xaneiro de 2022 entrou en vigor a Lei 17/2021 que establece o réxime xurídico dos animais de compañía a fin de adaptalo á realidade social actual, onde se recoñece que os animais son seres vivos dotados de sensibilidade, é dicir, son seres sentintes e non cousas.
A nova norma modifica así diversos artigos do Código Civil, da Lei Hipotecaria e da Lei de Enxuizamento Civil. Ata a actual regulación os animais tiñan o estatuto xurídico de cousas, en concreto de bens mobles.
A reforma asenta no Código Civil o principio de que a natureza dos animais é diferente á natureza das cousas ou bens, aplícaselle a cualidade de ser sentinte, de modo que os dereitos e facultades sobre os animais han de ser exercitados atendendo ó seu benestar e protección, evitando maltrato, abandono e a provocación de morte cruel ou innecesaria.
María Xesús Blanco, veterinaria.
Incorpóranse por exemplo as normas relativas a concretar o réxime de convivencia e coidado dunha mascota no caso dunha separación ou divorcio, sentando os criterios nos que un tribunal debe basear a decisión de a quen entregar o coidado do animal. Tamén se incorporan disposicións en materia de sucesións relativas ó destino dun animal no caso de falecemento da súa titora ou titor.
Contémplanse tamén limitacións de garda e custodia nos casos de antecedentes por maltrato animal directo ou maltrato animal exercido como forma de violencia psicolóxica doméstica e abuso infantil.
Os animais de compañía deixan de ser hipotecables nin embargables en atención ó especial vínculo de afecto que os liga coa familia, iso si, se prexuízo da posibilidade de embargo das rendas que puideran xerar.
Onde se quedan os centos de titulares sobre o DNI-Animal?
Na Comunidade Autónoma galega existe dende o ano 2005 un rexistro de identificación animal (REGIAC), polo que os animais de compañía galegos xa dispoñen do seu pasaporte europeo correspondente (o verdadeiro DNI-Animal) que contén os datos básicos como o número de microchip, a especie, a raza, o sexo, o nome, o nome do titor ou titora... Este sistema de identificación, o cal é obrigatorio en cans sen excepcións, e moi recomendable en gatos, furóns, coellos ou outros animais de compañía, é hoxe a única ferramenta e a máis eficaz e sólida de identificación, que axuda a xestionar o Benestar Animal, a Saúde Pública e contribúe na determinación de responsabilidades derivadas da súa tenza.