sábado 16/10/21
Nova achega do noso colaborador Xesús Lantes Vitureira

ONOMÁSTICA | Os apelidos Preto/Prieto e Afonso/Alonso e os topónimos A Rasela, Tintores e Vilamaior

Ponte de Tintores.
Ponte de Tintores.

Preto. Este apelido presente dúas posibilidades con /e/ (aberto) ou con /e/ (pechado). Con (e) aberto vén do  latín vulgar *prettu  (por pressum) do verbo premo, -is, -ere, pressi, pressum (“apretar” ou “apertar”). O dicionario da RAG só rexistra esta entrada. Preto (con /e/ pechado), “negro” non está recollido no dic. da RAG. Xa que logo, o apelido Preto pode ter unha dobre orixe e unha dobre pronuncia. A castelanización case absoluta deste apelido en “Prieto” ocultou a orixe deste apelido e hoxe non resulta fácil documentar historicamente cal é procedencia de cada un dos apelidos existentes en Galicia. Para algúns autores (Ferrín, 2007) o apelido maioritario galego é Preto (negro), castelanizado en Prieto. Teñamos en conta que o apelido castelán deriva de *prettu con /e/aberto de aí a ditongación. En Galicia hai 14.332  “Prieto” e en Verín, 262.

Afonso: teñamos en conta que as formas Alfonso e Alonso (nome ou apelido) son formas castelanizadas non propias do galego. É un nome formado pola confluencia de catro nomes xermánicos:Aldefunsus, Hildefunsus, Hathufuns, Alafunsus: (Dic. dos Nomes Galegos). Temos, xa que logo, a forma Afonso como única forma galega para nome e apelido. E cómpre rexeitar as formas Alonso e Alfonso, tanto para nome como para apelido, se o que se quere é utilizar formas galegas. Aquí non hai dúbidas como no caso anterior. O apelido Alonso ocupa na escada o número 18, con 31.908 apelidos. Afonso, con 473 e Alfonso, con 1.202. Temos que dicir que na época medieval foi un nome e apelido moi usado.

  • Et omniorum ipsarum ecclesiarum ex sua obtatione sacravit domnus Adulfus episcope tempore domnissimi Adefonsi principis et obtenuit per multa curricula... (Celanova, 208)
  • Conuçuda cousa seia a quantos este prazo virem commo nos ffrey Affonsso Perez Pereyra, comendador das cousas do espital... (Monterrey, 57).
  • Iten, Afonso Ledo, morador eno dito lugar de Paaços,... (Ferro,76)

 

A Rasela: Este topónimo describe a orografía dunha pequena zona do concello de Verín. Concretamente indica a morfoloxía orográfica da parroquia á que da nome. Derivado de rasum participio de radere “raer, rozar”. Aquí o significado que mellor lle acae é de “chan liso, sen desniveis”. “Rasum + ella”, en principio un adxectivo en diminutivo que puido acompañar a outro substantivo que deixou de usarse e, polo tanto, xa non o coñecemos.

  • Iten, lle aforou outra geyra de tarreo ao Porto do Rigueiro, que vay pera a Rasela e parte con a carreira e con o  dito reguueiro.(Ferro: 75).

 

Tintores: recolle este topónimo a denominación dos artesáns que exercían o oficio de tintureiros, tinguir/tinxir materias téxtiles. Do latín tinctore <tincta-.

Vilamaior do Val: de villa +maiore. Maior ademais de adxectivo comparativo pode derivar do nome propio Maior. A frecuencia de localidades denominadas “vila maior” esixe a determinación, neste caso, do Val.

  • ..., alias duas in Baroncelli, una que vocitant Villa Maior et alia de Ervededo. (Celanova:459)
  • In Olinbria villa quos fuit de Vimara (...) Keiruganes, Villa Maiore, Pepini, Castrelos. (Celanova:457)
  • Villa Maior hec quam dicent Alalas hee hereditates quas ille comes ganavit de Didaco Alvariz et de filio suo Menendo ab integro pro qua acceperunt aliam in sauto Vermudi villa Urriola. (Celanova: 148)

ONOMÁSTICA | Os apelidos Preto/Prieto e Afonso/Alonso e os topónimos A Rasela, Tintores...
comentarios