miércoles. 24.04.2024
O PROXECTO ESTARÁ FINANCIADO EN PARTE POLOS FONDOS EUROPEOS DO PLAN LEADER

Oímbra e Monterrei recuperarán o Castelo de Lobarzán da man da Universidade de Vigo

Os Concellos de Oímbra, Monterrei e a Universidade de Vigo asinaron este venres, coa presenza do reitor do ente académico, Manuel Reigosa, e os respectivos rexedores Ana María Villarino Pardo e José Luis Suárez Martínez; o acordo de colaboración que permitirá por en valor un conxunto arqueolóxio que separa territorialmente os dous municipios: o Castro das Laxes das Chas.

loba2
De esquerda á dereita: Beatriz Comendador, Ana María Villarino, Manuel Reigosa, José Luis Suárez, Susana Reboreda e Esther de Blas.

"A realización de diversas actividades de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica da área arqueolóxica do Castelo de Lobarzán ou Castro das Laxes das Chás e a súa contorna durante os próximos catro anos”. Con este obxectivo, representantes da Universidade de Vigo e dos concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei, onde se localiza este enclave, asinaron este venres no campus de Ourense un convenio específico de colaboración entre as tres entidades.

Durante a presentación do acordo, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, amosou a súa satisfacción por iniciativas coma esta “que serven para estreitar lazos cos concellos”, destacando o traballo da Facultade de Historia do campus de Ourense neste senso. Do mesmo xeito, Susana Reboreda, decana desta facultade, agradeceu a confianza depositada no centro e no seu profesorado polos dous concellos implicados e salientou a importancia que ten para esta facultade “a interacción coa nosa contorna”.

loba2aOs asinantes do acordo: Ana María Villarino -alcaldesa de Oímbra-, Manuel Reigosa -reitor da Universidade de Vigo- e José Luis Suárez, alcalde de Monterrei.

Pola súa banda, José Luis Suárez, alcalde do Concello de Monterrei, e Ana María Villarino, alcaldesa do Concello de Oímbra, recalcaron a relevancia que ten para os seus municipios a valorización do enclave que se vai a estudar, agradecendo especialmente ás comunidades de montes implicadas a “súa xenerosidade” ao permitir o desenvolvemento deste proxecto.

É imprescindible coñecer de onde vimos para saber a onde imos

Apuntando a necesidade de “coñecer de onde vimos para saber a onde vamos”, Ana María Villarino amosou o seu desexo de que con este proxecto se lle dea ao Castelo de Lobarzán “o valor que ten” e que a iniciativa supoña un “complemento máis para que os nosos concellos poidan seguir mellorando”.

Non é a primeira vez que o Concello de Oímbra se achega ata a universidade para profundizar no coñecemento da súa historia. Outro convenio de colaboración coa entidade viguesa permitiu recabar información que sobre o municipio estaba rexistrada nos principais arquivos provinciais, autonómicos e nacionais. Parte do equipo que participa neste proxecto de Lobarzán realizou no ano 2018 o informe Investigación arqueolóxica e histórica sobre as orixes do Concello de Oímbra, donde precisamente se destacaba o valor do Castelo de Lobarzán.

Do mesmo xeito, José Luis Suárez subliñou a importancia desta iniciativa recalcando como é “un punto e seguido” na valorización “dos moitos recursos que temos e que estamos coa idea de promocionar e conservar”. O proxecto, lembraron os dous rexedores locais, é posible grazas a unha subvención Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (GDR 09 Asociación Monteval), contando cun orzamento total de 46.222 euros concedido a ambos concellos.

 

UN ENCLAVE "ÚNICO"

A arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo Beatriz Comendador foi, como directora do proxecto do Castelo de Lobarzán, a encargada de explicar os detalles do convenio específico de colaboración presentado este venres. Así, indicou, esta iniciativa é froito da colaboración existente nos últimos anos cos concellos de Monterrei e Oímbra, cos que a Universidade de Vigo ten asinados convenios marco de colaboración desde os anos 2016 e 2017 respectivamente.

loba8

Este castelo, indicou a arqueóloga, "é un enclave único no Támega, cunha unión de valores a protexer", recalcando a súa riqueza como espazo histórico pero tamén natural, tanto botánico como xeolóxico. Beatriz Comendador lembrou como “o conxunto foi moi escasamente estudado e nunca antes escavado”.

DÚAS FASES DE INTERVENCIÓN BEN DIFERENCIADAS

O proxecto de intervención que se levará a cabo terá dúas fases diferenciadas, segundo dixo a arqueóloga responsable. Unha primeira, de prospección no recinto e na contorna facendo unha análise da configuración de Lobarzán e da relación cos xacementos da contorna, e unha segunda de intervención propiamente no terreo. Esta intervención, que agardan poida ter unha primeira campaña este verán arredor do mes de xullo, consistirá “en traballos en ambos outeiros primando a súa limpeza exhaustiva para coñecer a configuración tanto da plataforma da necrópole (Oímbra) como do monte do Castelo (Monterrei)”. Tamén inclúen a intervención a “limpeza e escavación de sectores puntuais para maior información e levantamento dixital” fundamentalmente “vinculada na primeira campaña ao pasado medieval do recinto”.

O equipo que desenvolverá o proxecto está formado, ademais de por Beatriz Comendador, por Víctor Rodríguez, Eduardo Breogán Nieto, Beatriz Vaquero e Elena de Uña, estando implicados ademais do Geaat, as áreas de Historia Medieval, Historia Moderna e Ciencia e Técnicas Historiográficas da Universidade de Vigo, entre outros equipos.

Oímbra e Monterrei recuperarán o Castelo de Lobarzán da man da Universidade de Vigo