Venres. 29.03.2024
CDR Portas Abertas_Capacidade Rural
Persoas usuarias do Programa Capacidade Rural que desenvolve o CDR Portas Abertas na bisbarra. | FOTO: CDR Portas Abertas.

O Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas inicia unha campaña de sensibilización sobre as dificultades que sofren as persoas con discapacidade que viven no medio rural. A día de hoxe, séguense enfrontando a maiores desafíos nas zonas rurais que nas zonas urbanas, "polo que se dobra o risco de exclusión social para elas", explica Andrea Rodríguez, Educadora Social do CDR Portas Abertas.

Aproximadamente, a cuarta parte da poboación española con diversidade funcional vive no medio rural. Galicia é a comunidade autónoma con máis poboación con discapacidade; un total de 243.323 persoas no 2022, según recolle o Observatorio da discapacidade. Na comarca de Monterrei viven un total de 2.539 persoas con diversidade funcional: 1.3471 homes e 1.198 mulleres. 

O CDR Portas Abertas loita contra a discriminación que sofren estas persoas no marco do programa Capacidade Rural. Financiado con cargo á asignación tributaria do 0,7% para fins sociais -os fondos da X Solidaria da renda-, no 2022, o programa acolleu a 20 persoas con discapacidade severa que viven na bisbarra como usuarias.

Portas Abertas
Sede do CDR Portas Abertas en Verín. | FOTO: Anabel G. Simón. 

Capacidade Rural crea espazos inclusivos, accesibles e universais, co obxectivo de dotar de autonomía e empoderamento ás persoas que habitan nas aldeas da nosa bisbarra, ademais de proporcionar seguridade a través do acompañamento, da consolidación das redes de apoio e facilitando un respiro familiar. 

 "É necesario dar a coñecer á pobación que ter una discapacidade e vivir no rural duplica a vulnerabilidade destas persoas", continúa Andrea Rodríguez, "hai condicionantes significativos que dificultan o seu acceso aos servizos aos que teñen dereito como cidadáns; ó vivir no rural teñen dificultades maiores que as persoas que viven no ámbito urbano".

Estas dificultades retroaliméntanse polo despoboamento do rural, a precariedade laboral e a redución de servizos. A ruralidade é, por tanto, un factor multiplicador das barreiras que afrontan as persoas con discapacidade. Existen barreiras para a inclusión e padecen unha soidade non desexada ó ter menos relacións sociais.

NOTICIAS VERÍN | Portas Abertas traballa para paliar as dificultades das persoas con...