
Alba Barreira Salgado e Jorge López Dobarrio son dous alumnos da Escola de Artes e Oficios de Verín que levan anos pintando e creando. Tras traballar xuntos na Escola, animáronse a expor algunhas das súas obras, individuais e colectivas, na Arca da Noe, un bar que ten cabida para a arte, en Vilar de Santos. Sen unha temática e sen un patrón a seguir, Alba e Jorge escolleron 20 obras para que as persoas que pasen por alí interactúen co mundo interior destes mozos.
"Imperfecto" de Jorge López, unha das obras que se atopa na exposición. | FOTO: Jorge López.
Por que decidiron expor neste local?
Alba Barreira: Realmente xurdiu improvisando. Éramos coñecedores de que alí se fan actuacións e un día paramos a tomar algo cuns amigos e atopámonos que estaba ensaiando un trío flamenco. A raíz dese momento falamos coa propietaria e ofrecémonos a expor e eles aceptaron. Así foi como decidimos facelo.
Cando comezou a exposición na Arca da Noe en Vilar de Santos? E ata cando van estar as súas obras expostas alí?
Jorge López: A exposición inaugurouse o domingo 29 de decembro de 2019 e rematará sobre o 15 de febreiro.
De cantas obras se compón a exposición?
A. B. : Son 20 as obras que se atopan na Arca da Noe. Jorge aportou catro lenzos ó óleo e tres debuxos a lapis. E eu teño tres lenzos ó óleo, unha acuarela e dous debuxos a rotulador. En conxunto temos un dúo ó óleo e seis caixas de madeira pintadas.
Como xurdiu a idea de traballar en conxunto?
J. L. : Coñecémonos na Escola de Artes e Oficios de Verín -da cal somos alumnos- fai uns anos. Neste curso a nosa mestra Marilar Salgado ocorréuselle que podiamos traballar xuntos, e dado que o resultado foi bo decidimos aventurarnos a expor en conxunto.
Que nos podemos atopar na exposición?
A. B. : É unha mistura de creatividade, poden atoparse obras cunha visión máis enfocada á beleza do corpo e obras rechamantes feitas con diferentes materiais que fan voar a imaxinación do observador.
Como definirían a pintura -no sentido artístico-?
J. L. : É unha maneira de comunicarse coa xente, de transmitir un sentimento, de transportala ao seu ser interior.
A. B. : Unha ferramenta para sacar ao exterior todo o que unha persoa garda no seu interior e ao mesmo tempo facer de espello da sociedade e transmitir información.
Que pretenden amosar coas súas obras?
J. L. : Procuro transmitir o lado máis profundo de cada un.
A. B. : Que cada persoa faga a súa propia interpretación sen estar condicionada pola miña idea. Eu expreso o que sinto pero gústame ver como cada persoa ve algo diferente.
"Area" de Alba Barreira, unha das obras que se atopa na exposición. | FOTO: Alba Barreira.
Se Alba tivera que definir a obra de Jorge e Jorge a de Alba, que dirían?
J. L. : Son obras elaboradas nas que cada detalle ten un porqué, as cousas milimetradas e nada está ao azar.
A. B. : Podemos ver e sentir a calor e o seu amor polo corpo humano e a pel, xunto coa súa capacidade de "capturar" as almas, facendo sinxelo identificar as súas obras.
A exposición está tendo boa acollida?
J. L. : Si, as obras están gustando e nós estamos contentos, aínda que nerviosos por ser a primeira vez que expomos sós, pero a experiencia, en definitiva, está sendo boa.
Volverán a traballar en conxunto?
A. B. : Posiblemente, o tempo dirá.
Entón, algún posible proxecto futuro?
J. L. : Estamos abertos a calquera posibilidade, tanto en conxunto como por separado, de momento temos algún que outro encargo.