sábado. 20.04.2024
PORTADA AEVER
José Ángel Rodicio, xerente de Aever e Santos Álvarez, presidente da Asociación, na presentación da campaña de Nadal de Aever.

A campaña de Nadal de Aever xa está en marcha. A pista de patinaxe sobre xeo ábrese este sábado, 21 de decembro, e os tíckets para o sorteo dos 1.000 euros xa están en movemento, ó igual que os descontos para a entrada a pista de xeo. Como novidade, os establecementos asociados a Aever permanecerán abertos o domingo 22 de decembro e o domingo 5 de xaneiro.

José Ángel Rodicio, xerente da Asociación de Empresarios de Verín -Aever-, insiste na importancia do comercio local e anima á xente a comprar en Verín, pois é algo fundamental para a economía da vila.

NOTICIA DENTRO AEVERActividades de Aever para este Nadal.

A pista de patinaxe e a actuación Estrelas Máxicas son as actividades organizadas para este Nadal, ademais do sorteo dos 1000 euros. Por que se decantaron por isto?

Polo impacto que ten. A campaña dos 1.000 euros xa está consolidada, pois levamos bastantes anos facéndoa, e é unha campaña que lle gusta moito á xente. Por outra banda, apostamos pola pista de patinaxe porque o noso obxectivo é ter mobilidade nas rúas, que os rapaces teñan onde ir e que os pais poidan ir de compras. Son actividades lúdicas na rúa para que a xente que veña de fóra teña cousas que facer.

Non é o primeiro ano que se instala a pista de patinaxe na Praza García Barbón. O balance con respecto ao ano anterior é positivo?

É o cuarto ano que pomos a pista de xeo e o balance é positivo. O ano pasado recolléronse 2.800 tíckets. Isto non quere dicir que pasaran 2.800 persoas diferentes pola pista de xeo, pois algún seguro que repetiu.  

É o cuarto ano que pomos a pista de xeo e o balance é positivo. O ano pasado recolléronse 2.800 tíckets (José Ángel Rodicio, xerente de Aever)

A actuación Estrelas Máxicas, o venres 3 de xaneiro, en que consistirá?

É un espectáculo familiar. Antes buscabamos espectáculos dirixidos só para as nenas e os nenos, entón os pais aburríanse, por iso este ano apostamos por este espectáculo. Hai maxia, pallasos... É algo máis completo. Facemos unha gala dirixida para os nenos obviamente, pero a fin de contas é un espectáculo familiar.

Como se pode optar a participar no sorteo dos 1000 euros?

Os tíckets danse nos comercios asociados. Puxemos un baremo que son importes superiores a 10 euros, pero a decisión é do asociado. Por sentido común, se unha tenda ten un cliente habitual e lle quere dar os tíckets pode facelo, non somos moi estritos nese sentido.

Unha vez que os tíckets están repartidos, o sorteo é presencial. Na gala, o 3 de xaneiro, facemos o sorteo ás 20:00 horas. Metemos nunha urna todos os números e unha man inocente saca un papeliño, se aparece ben e se non aparace, volvemos sacar. Ata que apareza a persoa non saímos de aí. Normalmente soe saír o segundo número. Esto significa que a xente preocúpase e que o toma en serio.

E o gañador dos 1000€ como deberá gastalos?

Unha vez  que toca o premio, hai unhas normas. O premiado non pode gastar máis de 200 euros nun establecemento e ten que gastalos nos establecementos asociados. Entón, como mínimo, ten que comprar en cinco tendas. Normalmente compran en bastantes máis. Dámoslle un día, pero este ano como o día 3 coincide a venres, ampliamos o prazo, nas rifas puxemos dous días, por se algún establecemento non abre o sábado 4, aínda que a maioría abrirán.

Cren que estas iniciativas animan á xente a mercar no comercio local?

Nós intentar, intentámolo. Polo menos, que a xente vexa que ó haber comercio, hai actividade e hai máis vida no pobo, aínda que só sexa pola perspectiva que teñen do comercio local. Queremos que teñan unha perspectiva na que o comercio local é importante na vila, porque supón actividade.

É dificil a día de hoxe, porque estamos competindo coa venta online e cos grandes establecementos, e é complicado, pois deberíamos estar en igualdade de oportunidades, polo menos fiscais, e non o estamos. Estamos en inferioridade.

Nestas datas, a xente compra máis e esto debe notarse no comercio. Ata que punto é notable o incremento das compras no Nadal?

O incremento nótase. É unha campaña importante para o comercio, pero o descontrol que temos de rebaixas afecta negativamente ó comercio. Habería que regular as rebaixas, porque estamos acostumando ó cliente e comprar con descontos sempre é un problema. É un problema porque unha tenda non pode vivir dos descontos. É inviable.

Estamos a piques de rematar o ano. Cal é o balance que fai Aever sobre as compras no comercio local neste 2019?

A situación é difícil, pero non só aquí, senón que en todos os lugares. A situación do comercio local é crítica. En Verín hai despoboamento, case non hai postos de traballo, tampouco hai empresas que xeren traballo e as poucas que había pecharon. O comercio local ofrece postos de traballo, pero debido ás circunstancias que afrontamos, a situación, en definitiva, é crítica.

A maioría da xente non se anima a comprar no comercio local e decántase máis polas grandes empresas ou polas compras online. Se tivera que explicarlles a importancia de mercar no comercio local e intentar que cambiaran de idea respecto a este, que lles diría?

Pois igual que nos unimos agora polo tema do Hospital, no que vimos un pobo unido debido a que cremos que é algo importante para a nosa vila, o comercio local tamén é algo fundamental para Verín, entón deberiamos unirnos tamén ante isto. É necesario que vexan que os impostos que se pagan polos establecementos comerciais son unha parte importante no Concello, e o Concello é como unha casa. Ti vas ingresando nel diñeiro e ao haber ese diñeiro pode gastarse en mellorar certas cousas da vila. Se non hai ingresos, mellorar a vila vai custar máis.

O comercio local é un texido de servizos importante na vila de Verín. Se sacamos o Hospital, Cabreiroá, o Concello e algún que outro posto de traballo, poucos máis lugares hai que dean traballo. O comercio local dá traballo. Entón, hai que animarse a comprar no comercio local se non queremos que desapareza, é algo fundamental para a vila. Se desaparece iremos por mal camiño.

Igual que nos unimos agora polo tema do Hospital, no que vimos un pobo unido debido a que cremos que é algo importante para a nosa vila, o comercio local tamén é algo fundamental para Verín, entón deberiamos unirnos tamén ante isto (José Ángel Rodicio, xerente de Aever)

José Ángel Rodicio, xerente de Aever: "O comercio local precisa da xente de Verín e da...