O presidente da Deputación estivo presente no acto

Veiga Romero inaugura, cos seus, o seu derradeiro proxecto como rexedor: o centro de día

Francisco Armando Veiga Romero chegou incluso a emocionarse. Era un dos proxectos estrela do seu último mandato e non quería abandonar a alcaldía sen velo inaugurado. E ese día... Chegou. O centro de día de Riós é xa unha realidade que só agarda á súa inscrición nos rexistros preceptivos da Consellería de Política Social e a contar cos profesionais que prestarán servizo na instalación municipal. A finca da Telleira completa así a súa estrutura, na que xa se atopan as vivendas sociais, a piscina, o centro agroforestal e un velorio. Foi a grande aposta dos case trinta anos de mandato -"Riós non tiña unha zona de servizos municipais como ésta"- que con esta derradeira inauguración pon fin á responsabilidade de Veiga Romero coma rexedor orriolense. 

Inauguración do centro de día de Riós.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar -primeiro pola dereita-, participou na inauguración do novo centro de día de Riós. Acompañárono no acto Francisco Veiga Romero (alcalde do Riós) -terceiro pola dereita-, Gabriel Alén Castro (Delegado da Xunta en Ourense) -cuarto-, Perfecto Rodríguez Muíños (Xerente do consorcio galego de benestar) -segundo- e outros alcaldes e veciños da contorna. Lugar: A Telleira, Riós.

 

Nesta inauguración Francisco Armando Veiga estivo arroupado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a totalidade dos alcaldes da súa mesma cor política da comarca e tamén da Gudiña, e polo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez. Os tres dirixíronse aos presentes ás portas da instalacións minutos antes de que quedasen abertas ao público para que poidesen percorrer o seu interior e coñecer as novas dependencias. Tamén contou coa representación institucional da Xunta de Galicia, na persoa do seu delegado en Ourense, Gabriel Alén

O alcalde de Riós resaltou a importancia deste novo servizo, "unha infraestrutura que axudará aos nosos maiores a vivir, se cadra, con máis dignidade. Este é un edificio precioso, que reforza unha cuestión decisiva para este Concello, a atención aos nosos maiores". Nesa mesma liña se pronunciaron tanto o presidente da Deputación de Ourense coma o máximo responsable do Consorcio. "Abrir un centro destas características é unha magnífica nova non so para Riós senón para toda a provincia. Dentro do esquema da Deputación de axuda aos concellos, os servizos sociais son prioritarios. O amosamos sempre, pero fundamentalmente nestes tempos, coa pandemia e agora coa complicada situación internacional", sinalou Baltar, quen quixo tamén resaltar que coa "axuda de todos, coa cooperación das administracións, seguiremos facendo Riós, facendo Ourense e facendo Galicia".

Tivo sentidas palabras para o rexidor saínte, de quen afirmou que "os proxectos de Francisco Armando Veiga son estes. Pensalos, idealos, soñalos e facelos. É un orgullo estar hoxe aquí, representando ademais a unha institución que cumpre 200 anos e que ten no seu ADN á cooperación, unha palabra que hoxe é máis necesaria que nunca. E a vista están os resultados desta cooperación, poñer á disposición da veciñanza unha infraestrutura deste nivel, para prestar un servizo público esencial para os nosos maiores", dixo Baltar. O presidente da Deputación acabou por emocionar ao rexedor local asegurando que "poucos coñecen tan ben coma el o que é ser alcalde. Trinta anos gobernando, trinta anos de traballo, de compromiso e de visión. So teño palabras boas, traballar con el é magnífico. E a Deputación seguirá cooperando con Riós con proxectos como o Centro da Castaña, que seguro será un referente do noso rural".

O rexedor local, Francisco Armando Veiga Romero, dirixíndose aos presentes, este mércores 30 de marzo na inauguración oficial do centro de día do Riós. 

 

Pola súa banda, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar lembrou que "a cooperación entre administracións públicas é a mellor forma de prestar servizos aos veciños". Perfecto Rodríguez recoñeceu o traballo do Concello de Ríos a prol desta infraestrutura, destacou que a Xunta é "consciente da realidade dos concellos pequenos, da súa necesidade de dar servizos públicos" e resaltou o traballo da Deputación: "Esta institución provincial ten unha aposta permanente de colaboración cos concellos, especialmente os máis pequenos, para que os veciños poidan ter máis e mellores servizos".

Máis de medio millón de euros de investimento



Para culminar o proxecto, a Deputación achegou 250.000 euros, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar destinou unha partida de 200.000 euros e o Concello de Riós, 78.000 euros. Ademais, dende a administración autonómica destináronse outros 48.000 euros para o equipamento dunha infraestrutura que supón unha inversión pública global de 576.000 euros. O novo centro de día ten capacidade para atender a un máximo de 30 usuarios, dispón dunha superficie máxima superior aos 500 metros cadrados e conta con diferentes espazos, coma unha sala de rehabilitación, outra de carácter polivalente, comedor, salas comúns e cociña.