viernes. 19.04.2024
Accidente na A-52
O 24 de marzo envorcaba un tráiler no p. k. 140 da A-52. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo unha reunión co xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), David Llorente, e co xefe provincial da Unidade de Estradas do Estado en Ourense, Álvaro Rodríguez, para analizar os datos das incidencias viais e sinistros que se veñen producindo na provincia contra vehículos de conservación e mantemento de estradas.

Durante o encontro, puxeron de manifesto a súa preocupación polo incremento deste tipo de incidentes nos últimos meses. Constátase que entre xaneiro e xuño de 2021 producíronse catro accidentes contra vehículos de conservación de estradas por distraccións e invasión da beiravía por parte dos condutores dos outros vehículos implicados, cun balance de seis feridos leves -tres deles nos últimos tres meses no termo municipal do Riós-. Así mesmo, sinalaron que nos últimos anos dous operarios de mantemento faleceron nas estradas ourensás a causa deste tipo de sinistros.

Segundo sinalou o xefe provincial da Unidade de Estradas do Estado en Ourense, obsérvase que nos puntos nos que se realizan traballos de conservación e mantemento de estradas algúns condutores, a pesar dos sistemas de sinalización, non reducen a velocidade ou invaden o carril ou beiravía nos que se está traballando.

O xefe provincial da DXT indicou que "a desescalada, a chegada do bo tempo e o aumento da mobilidade lévannos a unha situación na que debemos insistir na importancia dun comportamento seguro ante a presenza de persoal traballando nas vías".

Así, co obxectivo de reducir o número de accidentes acaecidos nestas circunstancias e de diminuír o perigo para os integrantes dos equipos de conservación, o subdelegado do Goberno indicou que os axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense establecerán controis de velocidade naqueles cortes sinalizados nas diferentes vías de titularidade estatal nos que se realicen traballos de conservación e mantemento.

"Estes profesionais realizan o seu traballo nas estradas, polo que para a súa seguridade é fundamental que os condutores extremen a prudencia e atención. Por iso, é preciso facer unha chamada de atención para concienciar da presenza dos operarios de conservación e mantemento que están na rede viaria traballando diariamente para asegurar a mobilidade e a seguridade dos usuarios da mesma", sinalou Emilio González.

Tres sinistros en tres meses no concello do Riós

No termo municipal de Riós semella ter a A-52 un punto negro. Nun treito de pouco máis de sete kilómetros, e sempre en sentido Benavente, producíronse en menos de tres meses outros tantos sinistros que puderon ter consecuencias máis graves das que finalmente se rexistraron. O 24 de marzo, un tráiler envorcaba fóra do firme logo de colidir cunha furgoneta de mantemento, no kilómetro 140 da A-52. 

O día 7 de xuño, no 146, era tamén outro vehículo articulado o que colidía tamén por alcance con outra furgoneta de mantemento mentres os operarios levaban a cabo labores de desbroce na beiravía. A pintura que transportaba o camión e que foi derramada polo firme obrigará, nuns días, a substituír parte do pavimento nese punto. 

C1D904B2-BCE5-4031-A469-578AE00548C0A autocaravana da imaxe perdeu o control logo de atropelar un cono de sinalización. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

O último sinistro tiña lugar o pasado día 17 de xuño cara o mediodía, logo de que unha autocaranava levase por diante un cono de sinalización que máis tarde acabaría provocando que o seu conductor perdese o control do vehículo e acabase tamén envorcando no 139 da A-52 sentido Benavente. 

Tráfico efectuará controis de velocidade nos tramos da A-52 onde se efectúen traballos...