viernes. 19.04.2024
Na inauguración do centro de día de Riós só estaban presentes autoridades do Partido Popular. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Na inauguración do centro de día de Riós só estaban presentes representantes do Partido Popular. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O PSdeG - PSOE de Riós vén de emitir un comunicado no que crítica as "malas formas" do ata o de agora rexedor do Partido Popular, Francisco Armando Veiga, ao non informar á oposición no Concello da inauguración do centro de día no municipio. Os socialistas consideran que esta é unha "represalia" por ter denunciado fai uns días que o rexedor abandonaba o seu cargo ao non poder seguir cobrando o seu soldo de alcalde, despois da súa "pésima" xestión económica ao fronte do Concello.

Dende o Grupo Municipal Socialista amosan a súa "total repulsa polas malas formas do rexedor, que nin tan sequera nos avisou da inauguración e tivemos que coñecer a noticia pola prensa”. Os socialistas afirman que o Partido Popular "converteu a inauguración dunha infraestrutura clave para o noso municipio, nun mitin electoral", xa que tal e como argumentan "só se convidou a cargos do partido conservador, como o presidente da Deputación, José Manuel Baltar; o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia, Gabriel Alén; aos concelleiros do PP no Riós, así como alcaldes e alcaldesas do seu partido do resto da comarca".

Isto é unha clara represalia pola nosa denuncia de que o rexedor abandonaba o Concello, despois de aprobarse un axuste económico, motivado pola débeda municipal, e que obrigaba ao alcalde a retirarse o soldo (Daniel Caneiro, voceiro do PSdeG no Concello de Riós)

Para o PSdeG-PSOE de Riós esta forma de actuar dá mostra da "falta total de transparencia do PP local e deixa en evidencia que o alcalde pretendía que na foto só saísen cargos dos populares, coa única intención de tratar de confundir a opinión pública e vender esta obra como se se tratase dunha obra feita polo Partido Popular, cando os cartos saen das administracións públicas, e en consecuencia dos cidadáns".

O voceiro do PSdeG-PSOE no Riós, Daniel Caneiro Villarino, subliña que a ausencia dos concelleiros e concelleiras socialistas "foi contra a nosa vontade", xa que tal e como apunta "en ningún momento se nos avisou desta inauguración, polo que se impediu a nosa presencia, nunha mostra total de falta de decoro por parte do señor Veiga". O edil socialista reitera que "isto é unha clara represalia pola nosa denuncia de que o rexedor abandonaba o Concello, despois de aprobarse un axuste económico, motivado pola débeda municipal, e que obrigaba ao alcalde a retirarse o soldo".

Caneiro Villarino manifesta que a presencia do PSdeG - PSOE na inauguración do centro de día "era obrigatoria, ao tratarse dunha infraestrutura moi importante para a nosa veciñanza e realizada con cartos públicos das diferentes administracións". Neste senso, o voceiro socialista no municipio tamén manifesta que "temos o mesmo dereito que os concelleiros do PP a acudir a dita inauguración, xa que fomos elixidos democraticamente pola veciñanza, e con esta forma de actuar, o único que está facendo o alcalde é discriminar aos votantes que non apoiaron ao Partido Popular".

O PSdeG-PSOE de Riós apunta, iso si, que "estamos encantados" coa inauguración dun centro de día no noso municipio, xa que supón "un gran avance e permitirá que se preste atención aos nosos maiores e as persoas en situación de dependencia".

O aínda rexedor, Francisco Armando Veiga, manifestou que "non tiña que convidalos a eles, porque non se convidou expresamente a ninguén, estaba nas nosas redes sociais e a prensa fíxose eco da inauguración. Eran eles os que tiñan que estar cos seus veciños", apuntou este mércores. 

O PSdeG de Riós lamenta "o pouco decoro" de Veiga por non convidalos á inauguración do...