miércoles. 24.04.2024
WhatsApp Image 2021-11-07 at 18.52.44 (2)
Dende a esquerda, José Luis Vega, Rosa María González, Miguel Tomé, Francisco Armando Veiga -alcalde- e Alejandro Sánchez de Dios.

Dous foron este domingo os ámbitos que compartiron protagonismo na XXVI edición da festa da castaña e do cogumelo do Riós: o da saúde e o rural por partida dobre. 

O Concello de Riós entregou, co gallo da celebración da súa feira gastronómica, a castaña de ouro ao equipo de profesionais sanitarios do municipio, polo "esforzo, a adicación e a calidade humana que amosaron, e amosan, non só en pandemia, senón todos os días do ano, indo incluso casa por casa visitando aos enfermos", sinalou o rexedor local Francisco Armando Veiga. Os enfermeiros Miguel Tomé e Rosa María González, e os doutores José Luis Vega e Claudia Niebles, recibiron o representativo galardón de recoñecemento que a Corporación municipal entrega na súa tradicional festa. 

O equipo sanitario compartiu tamén protagonismo con outro nome, o de Alejandro Sánchez de Dios, responsable do Banco de Terras de Galicia, de quen dixo o alcalde do Riós que "pola súa paixón polo rural, por todo o seu traballo na liña de potenciación do noso municipio como é a posta en marcha dunha aldea modelo ou o futuro polígono agrario no que xa tamén se traballa é, sobre todo, pola implicación e o poder de convencimento que ten cos propietarios, que non sempre é sinxelo conseguir que nos cedan os terreos para seguir co proxecto; por todo iso é verdadeiro merecedor desta castaña de ouro", sinalou Armando Veiga. 

WhatsApp Image 2021-11-07 at 18.52.44A concelleira Eva María Barrio, o rexedor Francisco Armando Veiga e o premiado, Alejandro Sánchez de Dios. 

O PSdeG pide axudas directas aos produtores

Aproveitando a celebración da festa da castaña, representantes do PSdeG-PSOE de Ourense desprazáronse ata Riós para participar nesta festa e reclamarlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao Partido Popular que "deixe de obviar as comarcas de Ourense nos orzamentos e que opte por unha discriminación positiva na provincia". Nos actos estiveron presentes o grupo municipal socialista, encabezado polo seu voceiro, Daniel Caneiro, así como os parlamentarios autonómicos, Juan Carlos Francisco e Marina Ortega; o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada no Congreso, Uxía Tizón; e concelleiras e voceiros doutros municipios coma Vilardevós ou A Gudiña.

IMG_8672 (FILEminimizer)Representantes do PSdeG na festa da castaña de Riós, co seu voceiro local, Daniel Caneiro -cuarto pola dereita-. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

O PSdeG-PSOE de Ourense reclámalle á Xunta de Galicia que habilite de forma "urxente" unha liña directa de axudas aos produtores de castaña das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras afectados por un fungo derivado do chancro que provocou unha perda de produción dun 80% e cun dano entorno aos 3 millóns de euros. Os socialistas anuncian iniciativas tanto a nivel municipal, coma provincial e autonómico e presentarán unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia, na que piden que se contemplen 3 millóns de euros para o conxunto destas comarcas afectadas e que se habiliten os mecanismos de distribución no conxunto dos produtores.

Riós lembra o esforzo dos sanitarios locais en pandemia premiándoos coa Castaña de Ouro