sábado. 20.04.2024
Os cabezas de lista por Ourense do PSdeG ao Parlamento abriron este venres na comarca a campaña ás autonómicas

Ortega e Francisco lamentan na Mezquita e Riós o desleixamento de Feijóo co rural ourensán

Dobre cita dos socialistas galegos cos seus cabezas de lista por Ourense, Marina Ortega e Juan Carlos Francisco. Os candidatos estiveron cos simpatizantes da Mezquita e, máis tarde, cos do Riós. Este sábado a cita está nos Xardíns do Posío (Ourense), onde agardan a visita do presidente do Goberno, Pedro Sánchez. 

Daniel Caneiro, Juan Carlos Francisco e Marina Ortega, no Riós.
Daniel Caneiro, Juan Carlos Francisco e Marina Ortega, no Riós.

Dobre cita da número un e número dous da lista do PSdeG por Ourense na comarca de Conso-Frieiras. Marina Ortega e o verinense Juan Carlos Francisco visitaron os municipios da Mezquita e O Riós na tarde noite deste venres e concentraron, en cadanseu mitin, a medio cento de simpatizantes debidamente separados entre si

Mitin do PSdeG na Mezquita.O mitin na Mezquita rematou ca tradicional imaxe cos participantes no mesmo. 

No primeiro dos municipios exerceu de anfitrión o voceiro local da formación, José Rodríguez. En O Riós foi o tamén o líder local dos socialistas galegos no concello, Daniel Caneiro, quen presentou aos dous espadas por Ourense.

Un Goberno galego progresista apostará por un modelo público de xestión das residencias de maiores que evite catástrofes como as que aconteceron no xeriátrico compostelán de San Lázaro ou, moito más cerca, na Nuestra Señora de la Esperanza de Ourense (Marina Ortega)

Marina OrtegaA cabeza de lista por Ourense ás autonómicas, a carballiñesa Marina Ortega, no Riós. 

Tanto nunha coma noutra convocatoria, Ortega e Francisco dividiron o protagonismo. A carballiñesa criticou abertamente a política en materia social dos últimos anos de Feijóo, da que dixo "foi un fracaso absoluto, sobre todo en materia de dependencia e supervisión das residencias de maiores. Un Goberno galego progresista apostará por un modelo público de xestión das residencias de maiores que evite catástrofes como as que aconteceron no xeriátrico compostelán de San Lázaro ou, moito máis cerca, na Nuestra Señora de la Esperanza da Fundación San Rosendo, por mor da pandemia".

Marina Ortega tamén aproveitou para reclamar, unha vez máis, a apertura dos centros de día para maiores e discapacitados, "que están a sufrir unhas consecuencias que, nalgúns casos, serán xa irreparables". Por último, a cabeza de lista do PSdeG por Ourense garantíu que unha "Xunta presidida por Gonzalo Caballero apostará pola xuventude galega, ofrecéndolle oportunidades válidas que contrarresten o éxodo masivo que protagonizaron nos últimos anos da xestión de Feijóo". 

Juan Carlos Francisco referiuse á xestión da sanidade pública galega, facendo especial fincapé no intento de clausura do paridoiro do hospital de Verín: "As opcións son sinxelas. Se Feijóo se mantén ao fronte da Xunta de Galicia, o hospital de Verín acabará por desmantelarse por completo. Son firmes no seu propósito de privatizar, e non perderán a oportunidade de seguir por ese camiño". O senador socialista verinense tamén destacou o "desleixamento de Medio Rural con provincias coma a de Ourense, onde un 70 por cento da masa forestal está completamente abandonada, por non falar dos recursos endóxenos coma os do Riós que, sendo unha potencia na produción da castaña, non foron capaces de incentivala de maneira axeitada para facela atractiva aos xóvenes do rural".

Se Feijóo se mantén na Xunta, o hospital de Verín acabará por desmantelarse (...). Son firmes no seu propósito de privatizar, e non perderán a oportunidade de seguir por ese camiño (Juan Carlos Francisco)

Mitin central en Ourense este sábado

Este sábado, todos os socialistas ourensáns están convocados ao acto central de campaña na capital das Burgas, no xardín do Posío, dende as 12:00 horas. Estarán presentes o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez; o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, e unha ampla representación da militancia e das candidaturas provinciais, ademais do secretario ourensán Rafael Rodríguez Villarino.  

Ortega e Francisco lamentan na Mezquita e Riós o desleixamento de Feijóo co rural ourensán