A apertura dunha pista forestal derrubou parte dun dos muros

NOTICIAS VERÍN | A alcaldesa de Riós anuncia que investigará a autoría dos danos no Foxo do Lobo da Urdiñeira

Danos no muro do foxo. | FOTOS: Ecologistas em Ação Galego-Transmontano.

O grupo Ecologistas em Ação Galego-Transmontano denunciou nunha publicación en Facebook este martes os danos causados nun dos muros do Foxo do Lobo da Urdiñeira, entre os concellos da Gudiña e Riós, causados pola apertura, parece que recente, dunha pista forestal xunto ao elemento patrimonial.


A alcaldesa de Riós, Eva Barrio, avanzou este mércores ao Diario do Támega que o Concello de Riós solicitará que se abra unha investigación sobre os danos e a súa autoría.


Segundo informa o colectivo ecoloxista, as imaxes foron tomadas este luns, 6 de xuño, e o movemento de terras parece recente. O lugar onde se sitúa o foxo do lobo está entre Pedrosa, na faldra oeste do monte e pertencente ao concello de Riós, e Parada da Serra, na faldra leste, no concello da Gudiña.


Ao parecer, entre as comunidades de ambos núcleos houbo certa disputa pola titularidade do lugar que acolle o foxo. Houbo algunha pintada na sinalización que dá conta desta polémica. Mais nin o colectivo ecoloxista nin a alcaldesa relaciona os danos con este enfrontamento entre aldeas veciñas. 


Na mesma área na que se sitúa o foxo, a compañía alemá Bay Wa proxecta un polígono eólico de 90 MW con 15 aeroxeradores que está en tramitación no Ministerio para la Transición Ecológica.

Trazado da pista, con pedras do muro derrubado no primeiro plano.