domingo. 28.04.2024

A segunda edición do Foro da Castaña, organizado por primeira vez pola Deputación de Ourense a través do Inorde, centrouse no impulso do asociacionismo para optimizar a xestión dos soutos. O simposio reuniu no Multiusos de Riós a preto dun cento de asistentes para analizar os retos e oportunidades que ofrece o aproveitamento dos soutos. Na xornada inaugural participaron o presidente do Inorde e deputado provincial de Representación Institucional, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Riós, Eva Barrio; e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Rosendo Luis Fernández, presidente del Inorde; Eva Barrio, alcaldesa, y José Luis Chan, en la presentación del II Foro da Castaña.
Rosendo Luis Fernández, presidente do Inorde; Eva Barrio, alcaldesa, e José Luis Chan, na presentación do II Foro da Castaña.


Na súa intervención, José Luis Chan puxo en valor o Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña en Galicia que prevé recuperar 8.000 hectáreas de soutos e plantar 16.000 máis que se destinarán para a produción de madeira e froito desta especie, enmarcado no Plan Forestal 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”. 

A Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, financia este foro trala firma dun convenio co Inorde polo que se lle concedeu unha subvención para a participación do Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós para levar a cabo un programa específico de identificación, restauración e promoción de xestión forestal activa e sustentable.

Xuntos, máis fortes, tamén nos soutos

Outro dos temas que resaltou foi a futura orde que establecerá modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e os modelos tipo para constituír dereitos de uso e aproveitamento en Galicia. Salientou que esta norma busca impulsar a creación deste tipo de entidades que teñen obxectivo a protección do ambiente, a prevención dos incendios e o fomento do desenvolvemento rural.

Desde la izquierda, Amable Fernández, alcalde de Manzaneda; Ana María Villarino Pardo, alcaldesa de Oímbra; Emma González, xerente do Inorde, e José María Lago, deputado provincial. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Desde a esquerda, Amable Fernández, alcalde de Manzaneda; Ana María Villarino Pardo, alcaldesa de Oímbra; Emma González, xerente do Inorde, e José María Lago, deputado provincial. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Cómpre destacar que en Galicia hai preto de 50.000 hectáreas de castiñeiro e os soutos ourensáns abarcan unha superficie de 27.000 hectáreas. A súa presenza é maioritaria no interior e nas montañas de Ourense e Lugo, cunha produción duns 20 millóns de quilos. Ademais, estes produtos están amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, garantindo un selo de calidade.

O 60 por cento da produción española

Na súa intervención, Rosendo Fernández agradeceu a colaboración da Consellería de Medio Rural con este foro que nos permite "abordar na provincia de Ourense, concretamente en Riós, temáticas técnicas e prácticas que inciden no axeitado desenvolvemento das producións, sendo un territorio cunha gran presenza de soutos". Reivindicou o posicionamento da provincia como a principal produtora de Galicia, lembrando que en campañas como a do pasado ano recolleuse o 60% de toda a castaña que se produce en España.

Neste sentido, o presidente do Inorde asegurou que desde o goberno provincial "continuaremos a apostar por este tipo de iniciativas que contribúan a achegar coñecemento e experiencias a un sector que precisa xerar valor engadido mediante a participación dos produtores na cadea de produción, transformación e comercialización da castaña".

O foro reuniu a preto dun cento de produtores de castaña, propietarios individuais ou agrupacións propietarias de soutos en Galicia e representantes de empresas privadas e entidades públicas que traballan nalgún ámbito vencellado a este sector. Os inscritos nesta segunda edición procedían de varios concellos ourensáns (Monterrei, Oímbra, Viana do Bolo, Baños de Molgas, Manzaneda, Maceda, Verín, O Barco de Valdeorras, Trasmiras e Riós), así como do resto das provincias galegas.

Visita á comarca do Bierzo, en León, dentro das actividades do II Foro da Castaña.
Visita á comarca do Bierzo, en León, dentro das actividades do II Foro da Castaña.

Relatorios, exhibicións e visitas técnicas

Na xornada inaugural, expertos de recoñecido prestixio do ámbito público e privado con acreditada experiencia no aproveitamento da castaña analizaron cuestións de interese tales como o tratamento de pragas, a xestión conxunta de soutos tradicionais, tipos de plantas de castiñeiro, ou a recuperación dos soutos.

Pola tarde, a programación foi eminentemente práctica ofrecendo aos asistentes unha exhibición de cociña e repostaría con castaña de Galicia a cargo da Asociación Cociña Ourense, outra de poda e mantemento do castiñeiro impartida por Ricardo Prieto e José Manuel Guerra da empresa Soutogal, así como unha conferencia sobre recomendacións para facilitar a revalorización e comercialización da castaña, a cargo do presidente do Clúster da Comunicación de Galicia.

Un exemplo leonés de boas prácticas

O sábado foi o día de saír ao monte. Os participantes realizaron unha visita técnica á comarca do Bierzo en León para coñecer exemplos de boas prácticas. A saída permitiu aos participantes coñecer unha plantación nova de castiñeiros con orientación agrícola en Carracedelo, a "Agrupación de produtores de venta e comercialización de produto fresco", de Corullón, así como unha empresa de conxelación de castañas e unha experiencia empresarial familiar de transformación e venda de castaña.




 


 

NOTICIAS VERÍN | O II Foro da Castaña de Riós puxo o seu foco no fomento do asociacionismo