viernes. 19.04.2024
Visita do conselleiro de Medio Rural, José González, a Riós.
Visita do conselleiro de Medio Rural, José González, a Riós.

O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a alcaldesa do Riós, Eva Barrio, mantivo un encontro informativo cos veciños de Riós implicados no polígono agroforestal de Pousada, para posteriormente comprobar tamén os traballos de posta a punto deste polígono. Na reunión tamén estivo presente o que fora alcalde da localidade ata o pasado mes de abril de 2022, Francisco Armando Veiga. Antes, a comitiva institucional tamén visitara Vences, en Monterrei. 

José González, dirixíndose á veciñanza da Pousada, co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
José González, dirixíndose á veciñanza da Pousada, co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

O polígono de Pousada contará con 94 hectáreas repartidas en 663 parcelas en propiedade de 200 titulares e destinarase a plantación de castiñeiros. Esta mobilización de terreos fíxose co consentimento dos propietarios, aínda que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado.

Este polígono forma parte dos 21 polígonos agroforestais en distintas fases de actuación existentes na Comunidade. Estes suporán a mobilización de case 8.800 hectáreas distribuídas en algo máis de 26.400 parcelas propiedade duns 7.250 veciños. Deses 21 polígonos, 15 atópanse na provincia de Ourense. Dentro destes, nos polígonos de Cualedro e Oímbra xa se remataron os traballos de roza e estase actualmente coa investigación da titularidade das parcelas. Mentres, avánzase na posta a punto nos polígonos de Barzamedelle (Leiro) e Solbeira (Paderne de Allariz).

Ademais, xunto a estes 21 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, 14 delas na provincia de Ourense. Precisamente, Riós tamén conta cunha aldea modelo, a de Pedrosa, que mobiliza 52,03 hectáreas arredor do núcleo de poboación, divididas en 922 parcelas propiedade de 164 veciños, xa está adxudicada e con obras a piques de comezar. 

Visita do conselleiro de Medio Rural, José González, a Riós.
O conselleiro de Medio Rural, José González, dirixíndose aos veciños de Pousada, coa rexedora Eva Barrio, detrás.

A rexedora de Riós, Eva Barrio, quixo agradecer a visita do titular da Consellería de Medio Rural, e asegurou que "estamos no bo camiño, comparto plenamente a visión do conselleiro de pór en valor as nosas terras para garantir unha produción de maior calidade que non só tenta loitar contra a despoboación ofrecendo unha posibilidade económica aos xóvenes, senón que tamén persegue combatir a lacra dos lumes. As terras traballadas son o mellor cortafogo posible", sinalou a alcaldesa. "Ademais, é para min unha verdadeira satisfacción comprobar como todos os veciños aproban de maneira unánime as actuacións que se están levando a cabo", finalizou Eva Barrio. 

NOTICIAS VERÍN | Riós explotará case 100 hectáreas de castiñeiros no polígono de Pousada