viernes. 19.04.2024
Os homenaxeados nesta edición dos Latexos, con Rubén Riós e autoridades. | FOTO: Iván Iglesias.
Os homenaxeados no Latexos do Rural de 2021, con Rubén Riós e autoridades. | FOTO: Iván Iglesias.

A Asociación Cultural da Castaña, dirixida polo actor Rubén Riós, organiza a XI edición do festival Latexos do Rural, que terá lugar mañá e o sábado en Riós. O evento, que conta coa colaboración do Diario do Támega, traerá como artista principal das actuacións musicais ás Tanxugueiras, que por primeira vez visitarán a zona que as inspirou para o seu nome artístico: as Tanxugueiras, en Fumaces.

O festival comezará mañá cunha serie de actividades de balde no Salón de Actos de Riós. A xornada arrancará ás coa súa apertura oficial ás 17:30 horas da man da alcaldesa, Eva Barrio, e de Rubén Riós. O actor aproveitará o evento para presentar o seu primeiro libro, "Arrieiros Somos", coa Editorial Galaxia ás 18:00 horas. Nas súas páxinas recolle o que sentiu ao entrar nos fogares de cada un dos protagonistas, tomando como referencia todos os valores que as xentes do rural inculcaron para ser o que somos hoxe.

A primeira xornada de Latexos do Rural continuará cun recital xeracional e a proxección de serie "A voz das nosas", que forma parte do programa Lingua Rodada. Ás 19:30 horas será o turno da personalidade de Instagram Irene Pérez Lis, quen ofrecerá a conferencia titulada "O talento da lectura galega nas novas xeracións". As últimas actividades do día serán ás 20:30 hora, con Kotodama teatro e cun contacontos para os cativos na Biblioteca Pública de Riós.

 

O sábado será o día importante deste Latexos do Rural e comezará coa chegada das Tanxugueiras á Praza de Riós. O grupo de galegas formado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro recibirán unha homenaxe ao converterse en madriñas dun castiñeiro centenario da aldea de Marcelín. O acto terá lugar ás 12:30 horas e contará coa verinesa Esther Estévez como maestra de cerimonias. O trío recolle o testigo de Benedicta Sánchez, Irene Villa e os sanitarios do Hospital de Verín, que foron os homenaxeados no 2021.

Antes dos concertos que haberá pola tarde, a Banda de Gaitas e Pandereteiras do Riós e As Travesas da Mezquita serán as encargadas de amenizar unha sesión vermú ás 13:30 horas na Praza de Riós. Xa pola tarde, as actuacións arrancarán ás 17:30 horas con Arcadio Falcon and The Bandicts, que darán paso ás Tanxugueiras, que ofrecerán o seu único concerto en acústico da Xira Midas. A festa rematará coa música da discomóbil Gramola.

Se aínda non tes a túa entrada, podes mercala aquí.

Cartel do festival Latexos do rural.
Cartel do festival Latexos do rural.

NOTICIAS VERÍN | Rubén Riós presentará o seu primeiro libro no Latexos do Rural