viernes. 19.04.2024
Concerto das Tanxugueiras. | FOTO: EFE.
Concerto das Tanxugueiras. | FOTO: EFE.

A Asociación Cultural da Castaña, dirixida polo actor Rubén Riós, organizará os próximos 18 e 19 de novembro o festival Latexos do Rural, no que colabora o Diario do Támega. O evento, que terá lugar en Riós, traerá como artista principal das actuacións musicais ás Tanxugueiras, que por primeira vez visitarán a zona que as inspirou para o seu nome artístico: as Tanxugueiras, en Fumaces.

O festival contará cunha homenaxe para este grupo de galegas formado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, converténdoas nas madriñas dun castiñeiro centenario da aldea de Marcelín. Este acto terá lugar o 19 de novembro ás 12:30 horas e estará presentado pola verinesa Esther Estévez. Posteriormente, haberá unha sesión vermú a cargo da Banda de Gaitas e Pandereteiras do Riós e das Travesas da Mezquita.

Previamente, o 18 de novembro, as actividades de Latexos do Rural transcorrerán no Salón de Actos de Riós e o acceso será de balde para participar. Ás 17:30h será a apertura oficial do evento e estarán presentes Rubén Riós e a alcaldesa do municipio, Eva Barrio, despois deste acto presentarase o libro "Arrieiros somos", antes do recital xeracional de "A xuventude coas letras galegas". Ás 19:00h proxectarase a serie "A voz das nosas", feita dentro do programa Lingua Rodada. Logo diso, a personalidade de Instagram Irene Pérez Lis ofrecerá a conferencia "O talento da lectura galega nas novas xeracións. Para rematar o día, os cativos terán un contacontos na biblioteca municipal ás 20:30h e a esa hora tamén haberá teatro con Kotodama.

O prato forte deste Latexos do Rural serán os concertos que comezarán o 19 ás 17:30h. Antes de que as Tanxugueiras suban ó escenario para ofrecer o seu único concerto acústico da Xira Midas, Arcadio Falcon and the Bandits actuarán para o público. O turno do trío galego será ás 18:00 horas e a festa rematará coa discomóbil Gramola.

Para asistir ós concertos precísase dunha entrada, que xa están á venda. Pódense adquirir físicamente no supermercado Maver de Riós ou en Palavida, en Verín. A opción dixital é a través da web Woutick. O prezo é de 8 euros e o 15 de novembro ás 12:00h finalizarán a venda, a excepción de que o aforo xa se complete antes.

Cartel do festival Latexos do rural.
Cartel do festival Latexos do Rural.

NOTICIAS VERÍN | Rubén Riós trae a Tanxugueiras ata as Tanxugueiras, en Fumaces