jueves. 18.04.2024
Foto grupas en Carrazedo de Montenegro (Portugal) dos participantes do Foro da Castaña de Riós.
Foto grupal en Carrazedo de Montenegro (Portugal) dos participantes do Foro da Castaña de Riós.

O Foro da Castaña, que se levou a cabo esta fin de semana en Riós, deixou un bo sabor de boca. O Concello, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, foi o promotor desta iniciativa na que os asistentes participaron en "prácticamente o 100%" das actividades programadas. "En cada un dos días xuntáronse 90 persoas, moitas delas chegadas doutras provincias", valora Eva Barrio, alcaldesa de Riós.

A acollida por parte dos asistentes foi boa, tanto na xornada do venres que se levou a cabo no edificio multiusos de Riós, coma na do sábado, na que se trasladaron a Carrazedo de Montenegro (Portugal). "Francamente, foi un foro moi interesante", apunta Barrio. As xornadas serviron para que os participantes coñecesen as cousas novas que se están a facer en Riós, pero tamén para "reflexionar sobre o futuro" do sector. "As charlas enfocáronse un pouco en fomentar o asociacionismo nas terras, na maneira de explotalas e cultivalas, pero tamén se falou de cooperativas e do que se está a facer a nivel político", explica a rexedora.

Eva Barrio posa con membros da Associação Agrifuturo de Valpaços.
Eva Barrio posa con membros da Associação Agrifuturo de Valpaços.

 

A visita a Portugal é o que máis destaca, xa que os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer o souto máis grande de europa da variedade "xudía" grazas á Associação Agrifuturo de Valpaços. "Vimos un terreo inmenso e serviunos para aprender, para copiar algunhas cousas deles porque teñen un producto moi bo e fácil de vender", comenta Barrio. Alí puideron comprobar as posibilidades da castaña, vendo como se empregaba para elaborar outros produtos como cervexa ou doces.

As impresións xerais deste primeiro Foro da Castaña foron positivas e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal "comprometeuse a seguilo facendo", engade Barrio. Riós ofreceu nesta ocasión todo o seu espazo dispoñible, que case se encheu, pero dende o Concello seguirán traballando para poder manter a celebración deste foro na localidade. "O espazo igual se nos queda pequeno e gustaríame que seguise facéndose aquí, imos loitar para repetilo", asegura Barrio.

Os asistentes viron en directo a recollida de castaña.
Os asistentes viron en directo a recollida de castaña.

NOTICIAS VERÍN | O Foro da Castaña de Riós logrou reunir a 90 participantes cada día