martes. 23.04.2024
O primeiro Foro da castaña terá lugar en Riós os días 7 e 8 de outubro.
O primeiro Foro da castaña terá lugar en Riós os días 7 e 8 de outubro.

O Concello de Riós, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, organiza o primeiro Foro da Castaña. Este punto de encontro terá lugar os días 7 e 8 de outubro e contará cun extenso programa no que se analizará a produción da castaña e todos os seus beneficios, tanto a nivel económico como para a protección dos montes.

As dúas xornadas serán intensas para os asistentes. A primeira abordarase desde un aspecto máis teórico, con parladoiros onde se abordarán diferentes temas. A segunda xa terá unha perspectiva de aprendizaxe máis práctica con exemplos de enxertía en castiñeiros e tamén de recollida da castaña, mecánica e manual.

Nos relatorios deste primeiro Foro da Castaña de Riós trataranse temas como o "Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña en Galicia" e tamén do valor do selo de Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia. Os asistentes poderán coñecer as oportunidades que brinda este sector coas axudas dispoñibles e con cooperativas de produción.

A empresa local Pecado de Outono e Terra de Baronceli, de Verín e Monterrei, terán un espazo neste foro para falar de produtos ecolóxicos e agricultura orgánica. Ademais, abordaranse outros temas dende unha perspectiva máis científica sobre a castaña. A participación nos relatorios sairá das fronteiras de Galicia e contarase con Pablo Linares, director da Mesa del Castaño del Bierzo para falar de castiñeiro e cultura.

O día 8, os asistentes terán unha visita a Carrazedo de Montenegro, no municipio de Valpaços en Portugal. Durante a xornada máis práctica deste foro, coñecerán o lugar máis grande de Europa de castiñeiro "xudía" e a unha empresa de recollida e transformación de castaña.

A cita terá lugar no edificio multiusos de Riós e precisarase dunha inscrición previa, xa que o aforo será limitado. Os interesados en participar teñen ata o 3 de outubro para anotarse no Centro Agroforestal de Riós ou a través de número de teléfono 988 42 30 07.

Programación do Foro da Castaña de Riós.
Programación do Foro da Castaña de Riós.

 

NOTICIAS VERÍN | Riós organiza un punto de encontro para os produtores de castaña