A iniciativa da acceso aos programas de Benestar sen tramitalos fisicamente en Ourense

NOTICIAS VERÍN | Riós únese ao plan de acompañamento dixital da Deputación

O convenio asinouse hoxe en Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e unha vintena de alcaldes da provincia asinaron esta mañá o primeiro convenio de “Administración con acompañamento dixital”. Con esta iniciativa a cidadanía sen habilidades ou acceso ás novas tecnoloxías poderá solicitar desde o seu propio concello as axudas e servizos que ofrece a área de Benestar. “Cero papel, cero quilómetros, cero desprazamento e cero exclusión dixital”, resumiu Baltar.

A sinatura do convenio tivo lugar en Ourense, onde o presidente da Deputación estivo acompañado pola deputada de Reto Demográfico, Igualdade e Políticas Sociais, Luz Doporto, e mailo responsable da área de Benestar, José Juan Cerdeira. Os concellos asinantes foron Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, O Carballiño, Entrimo, Lobeira, Lobios, Padrenda, Pereiro de Aguiar, Petín, Pobra de Trives, Sarreaus, Riós, Trasmiras e Xinzo de Limia, así como outros cinco de modo indirecto -Beariz, Boborás, O Irixo, Piñor e San Amaro- a través da Mancomunidade do Carballiño. Outros 30 concellos da provincia mostraron interese por incorporarse.

Baltar recoñeceu a relevancia deste acordo, xa que é “realmente importante, porque isto é cooperación e vai na andaina de prestar os mellores servizos públicos ás persoas e colectivos en risco de exclusión dixital”. Con este convenio “moitos veciños dos concellos asinantes poderán presentar as solicitudes de axudas sociais sen ter que desprazarse ata a capital, sen papeis, sen necesidade de que saiban ou poidan utilizar a administración electrónica, é dicir, sen discriminar a ninguén dixitalmente”.

O programa comezará a funcionar este venres 1 de xullo, polo que nestes días 34 técnicos municipais dos concellos asinantes serán dados de alta no sistema de acompañamento dixital. Isto permitiralles cumprimentar dixitalmente as solicitudes, imprimilas e axudar ao cidadán para que as presente fisicamente no rexistro electrónico do seu municipio.

Os alcaldes asinantes reuníronse con Baltar na cidade.