viernes. 19.04.2024
A residencia Monte Barrio, en Riós.
A residencia Monte Barrio, en Riós.

A residencia de maiores Monte Barrio, en Riós, será renovada e ampliada proximamente co propósito de dar unha maior resposta ás necesidades da zona. "Agora mesmo temos listaxe de espera, con esta nova obra intentaremos darlle cobertura á gran demanda que temos e evitaremos que moitos dos nosos veciños se vexan obrigados a desprazarse para obter praza en lugares máis afastados", asegura José Manuel Barrio, o propietario.

Trala execución deste proxecto, que se está ultimando e que comezará previsiblemente a comezos do próximo ano, o xeriátrico contará con entre 40 e 50 prazas máis das existentes -que son outras tantas-, o que suporá a incorporación de arredor de 25 traballadores novos. "Contrataremos un médico, outro enfermeiro e fisioterapeuta, persoal de cociña e de limpeza e profesionais da xeriatría e da administración", especifica Barrio. "Apostaremos por traballadores cercanos, da nosa comarca", engade.

O obxectivo principal é proporcionar un mellor servizo aos residentes que contarán "cun edificio novo, moderno, amplo, moi luminoso, acolledor... Para que todos se sintan como na súa casa que é o que verdadeiramente pretende ser", conta o xerente. "Que se sintan a gusto é a miña maior satisfacción", engade.

O novo edificio da residencia contará cun investimento total de preto dun millón de euros para a súa construción e posta a punto -800.000€ para a estrutura e 200.000€ para o equipamento- e está previsto que poida entrar en funcionamento a finais do vindeiro ano 2022.

NOTICIAS VERÍN | A residencia Monte Barrio duplicará as súas prazas cun investimento de...