O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola alcaldesa de Riós, Eva Barrio, visitou este sábado a aldea modelo de Pedrosa, situada en dito concello ourensán, na que se acaban de colocar os peches que delimitan o seu perímetro.
Este pechamento ten unha lonxitude de 7,2 quilómetros e unha altura de 1,5 metros, e supuxo un investimento por parte do Goberno autonómico de 135.806 euros.
A aldea modelo de Pedrosa, que está a piques de entrar en funcionamento, conta cunha superficie de 67,45 hectáreas, divididas en 922 parcelas de 164 titulares catastrais.
Desta superficie, 52,03 hectáreas foron adxudicadas no procedemento de concorrencia pública a unha proposta conxunta dunha gandeira local e os propios veciños da aldea a través do monte veciñal, cuxa orientación produtiva é para gandaría de vacún en extensivo de razas autóctonas e produción de cereais e cultivos de ciclo curto.
As 15,45 hectáreas restantes corresponden ao núcleo poboacional que se pretende dinamizar a través deste instrumento.
As aldeas modelo son un instrumento recollido na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, coa que se procura avanzar na recuperación da actividade económica e social dos terreos que se atopan en situación de infrautilización, así como dos núcleos que se inclúen neles.
A norma tamén inclúe figuras como os polígonos agroforestais, as permutas de especial interese agrario ou as agrupacións de xestión conxunta.