
Con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se celebra o vindeiro 25 de novembro, o Concello de Riós, en colaboración co Centro de Información á Muller do municipio, levará a cabo unha campaña para loitar contra este tipo de violencia e promover a equidade de xénero.
Baixo o lema 'Flores moradas, brotes de igualdade', levarase a cabo un reparto gratuíto de prantas de flores moradas a todos os veciños empadroados no concello, que deberán ser colocadas no exterior como mostra de rexeitamento e condena a esta lacra social. Deste xeito, Riós vestirase de morado en conmemoración desta data e en recordo de todas as vítimas.
O reparto terá lugar o vindeiro martes, 16 de novembro, nas seguintes localidades:
- Local social de Castrelo de Cima: de 9:30h a 10:15h.
- Praza de Florderrei: de 10:30h a 11:15h.
- Parque infantil das Vendas: de 10:30h a 11:15h.
- Edificio Multiusos de Riós: de 10:00h a 11:00h.
- San Cristovo, fronte ao comercio Adolfo: de 12:15h a 13:00h.
- Local social de Progo: de 12:15h a 13:00h.
- A Chaira: de 13:15h a 14:00h.
- Mañoás: de 13:15h a 14:00h.
Quenda dos cativos
O alumnado do centro escolar de Riós -da Gudiña e da Mezquita, os outros municipios organizadores- poderán participar nun concurso de debuxo, con obras dirixidas a este mesmo propósito. Poderán presentar as súas creacións ata o vindeiro venres día 26 de novembro.
Do mesmo xeito, tamén se levará a cabo a plantación dunha árbore de cor morada e a colocación dunha placa conmemorativa co gallo deste día e en defensa da igualdade entre homes e mulleres.