domingo. 19.07.2026
O prezo base do alugueiro de cada vivenda partirá de 100 euros mensuais

NOTICIAS VERÍN | Riós saca a concurso o arrendamento de dúas vivendas sociais en Castrelo de Cima

20250327 Vivendas alugueiro social Castrelo de Cima, Riós
O inmoble forma parte das antigas escolas unitarias de Castrelo de Cima e rehabilitouse para crear dúas vivendas. | FOTO: Concello de Riós.

Nun momento crucial para o noso rural, onde a dispoñibilidade de vivenda asequible é un reto, o Concello de Riós demostra o seu compromiso co futuro do municipio e coa veciñanza ofrecendo vivendas de alugueiro social. Unha medida que non só busca ofrecer un fogar a aquelas familias que máis o necesitan, senón que supón unha aposta decidida por atraer e manter poboación.

Trátase de dous pisos nun inmoble que forma parte das antigas vivendas dos mestres en Castrelo de Cima. Tras unha coidadosa rehabilitación, creáronse dous espazos habitables. Cada vivenda ten unha disposición práctica que inclúe unha cociña-sala de estar, un dormitorio, un baño e espazos adicionais como unha despensa ou unha lavandería. Ademais, equipáronse cun quentador eléctrico para auga quente e unha eficiente estufa de pellets para a calefacción.

20250327 Vivendas alugueiro social Castrelo de Cima, Riós02
Cada planta do inmoble rehabilitouse como unha vivenda.

A adxudicación das vivendas realizarase mediante concurso público, cun prezo base de licitación do aluguer de cada vivenda fixado en 100 euros mensuais. O contrato de arrendamento terá unha duración inicial dun ano, con posibilidade de prórroga por dous períodos máis de dous anos cada un, ata un máximo de cinco anos. É importante destacar que o aluguer da vivenda debe constituír o domicilio habitual e permanente da unidade de convivencia seleccionada.

Requisitos e prazo de presentación de solicitudes

Poderán presentarse a este concurso as persoas maiores de 18 anos que estean empadroadas no concello de Riós desde, polo menos, o 1 de xaneiro de 2020 e que carezan de vivenda propia en todo o territorio nacional ou, se a ten, acreditar que non reúne as condicións necesarias para unha vida digna. Cada unidade familiar poderá presentar unha única oferta.

As proposicións deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Riós no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial de Ourense, publicación que tivo lugar o 26 de marzo. Consulta aquí as bases completas para acceder ás vivendas de aluguer social en Castrelo de Cima.

NOTICIAS VERÍN | Riós saca a concurso o arrendamento de dúas vivendas sociais en...