Os veciños de Riós recuperan un servizo cultural básico do que carecían con regularidade. Esta semana reabriuse de forma permanente a biblioteca municipal do concello para calquera persoa que o precise. "Era un espazo que levaba unha tempada infrautilizado e decidimos recuperalo", sinala a alcaldesa, Eva Barrio, quen aposta por facilitar o acceso á lectura da veciñanza nun entorno rural.
A biblioteca, que daba un servizo irregular, agora conta cun horario continuo de 10:00 a 13:00 horas de luns a venres. Na súas instalacións, os veciños dispoñen dos libros que precisen ou que desexen ler no seu tempo de lecer, xa que contan con variedade de publicacións. "É unha biblioteca bastante xeitosa para o pequeno que é o noso concello", aprecia Barrio.
Unha aula de informática acompaña a esta biblioteca permanente, dispoñible no mesmo horario para quen precise facer uso dun ordenador. En total conta con 14 postos de acceso libre para os veciños e non descartan nun futuro ofrecer cursos para formar á poboación do rural nas novas tecnoloxías.
Co verán xa enriba, a biblioteca municipal de Riós será un espazo de axuda na conciliación. O día 1 de xullo comezará a funcionar a ludoteca infantil con diferentes actividades que se extenderán ata o 31 de agosto. Deste xeito, os máis pequenos do concello seguirán aprendendo durante as vacacións mentres se divirten.