
O Concello de Riós vén de facer público no seu perfil das redes sociais que incentivará as contratacións por conta allea e para a formación, ao abeiro do Plan Emprega Galicia, cunhas axudas que poden oscilar, dependendo das características de cada caso, entre os 3.000 e os 16.000 euros. Estes incentivos teñen como obxectivo fomentar a estabilidade laboral de colectivos con máis dificultades de obter un posto de traballo.
Para quen?
No eido da contratación, beneficia maioritariamente a empresas que incorporen persoas mozas, mulleres, desempregados de longa duración, discapacitados ou persoas en risco de exclusión social. As modalidades que se poden acoller a estas axudas son contratos indefinidos iniciais (que se manterán un mínimo de dous anos) , temporais (cunha duración mínima dun ano) ou transformación de temporais en indefinidos (mínimo durante dous anos).
En canto á formación, estará dirixida a persoas contratadas de xeito indefinido inicial ou temporal para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades de cara o desempeño do seu traballo.
As solicitudes
Todos os interesados deberán presentar a súa solicitude de maneira obrigatoria por vía telemática a través do formulario habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia, antes do vindeiro 30 de setembro.