O Concello de Riós terá o servizo de Ludoteca de Verán ó longo dos meses de xullo e agosto, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar e de ofrecer un tempo de lecer educativo á cativada do municipio.
Este ano, o servizo amplía a súa duración en máis de dúas semanas. Abrirá o 3 de xullo e terá actividades para a cativada ata o 31 de agosto.
A partir do luns, día 19, e ata o vindeiro 26 de xuño, poderase solicitar praza para que as nenas e os nenos de Riós podan participar nun verán cheo de experiencias divertidas e educativas.
A Ludoteca de Verán do Riós comezará o 3 de xullo e terá un horario de mañá, de luns a venres. Dende as 9 e ata as 14 horas, nenas e nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos poderán asistir ás actividades deseñadas para que podan gozar de unhas vacacións inesquecibles.