lunes. 20.07.2026
O Concello instalou uns paneis solares que reducirán o gasto enerxético

NOTICIAS VERÍN | As piscinas de Riós abren o luns con aforro na factura da luz

As piscinas de Riós contan este ano con paneis solares.
As piscinas de Riós contan este ano con paneis solares.

Os veciños de Riós desexan que a meteoroloxía cambie nesta fin de semana, xa que a partir do luns disporán das piscinas municipais. As súas instalacións abrirán ese día para inaugurar a tempada de verán no concello, que rematará o 26 de agosto co seu peche.

Este ano, o recinto conta con melloras na eficiencia enerxética. O Concello de Riós instalou uns paneis solares para a producción de enerxía e así reducir os custos mentres se coida do medio ambiente. "Coa súa colocación a piscina é autosuficiente, porque producirá a electricidade necesaria para o funcionamento da depuradora", explica a alcaldesa, Eva Barrio. Deste xeito, aforrarase na factura da luz municipal.

O Concello está en proceso de adxudicar tamén o bar das piscinas e así garantir todos os servizos para a veciñanza: "Temos un interesado", apunta Barrio. O horario de apertura será de 12:00 a 20:00 horas todos os días da semana. Os prezos varían de 1 euro para os adultos aos 50 céntimos para nenos e pensionistas.

As piscinas están a punto, só precisan unha mellor meteoroloxía.
As piscinas están a punto, só precisan unha mellor meteoroloxía.

 

NOTICIAS VERÍN | As piscinas de Riós abren o luns con aforro na factura da luz