sábado. 05.10.2024
Xuntanza para tratar a posible creación dun polígono agroforestal en Riós.
Xuntanza para tratar a posible creación dun polígono agroforestal en Riós.

Uns 200 propietarios de pequenas fincas situadas na Pousada, en Riós, veñen de manter o primeiro encontro informativo con técnicos e responsables de Medio Rural para implementar un polígono agroforestal orientado á plantación de castiñeiros nese lugar, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.



Así, o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, e técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural veñen de manter un encontro con parte deses titulares que estarían implicados no proxecto, que abranguería un total de 94 hectáreas distribuídas en 663 parcelas.

Na xuntanza, o subdirector lembrou que os polígonos agroforestais son un dos principais instrumentos contemplados na nova norma para recuperar, neste caso, grandes superficies de terreo. Así, xunto coas aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.

Tras o encontro informativo, agora procederase á recollida de sinaturas requirida para a posta en marcha deste polígono agroforestal en Riós. Ao tratarse dun instrumento voluntario, seguirá adiante se conta co apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto, cando menos, o 70 % do perímetro afectado. De aprobarse, seguidamente procederase a acondicionar a zona para proceder posteriormente á posta en marcha da actividade económica escollida.

O rexedor, Francisco Armando Veiga, destacou a "positiva resposta que tivo o Concello da maioría dos propietarios que se podería beneficiar da posta en marcha dese polígono agrario. Riós é un municipio que é referente no sector da castaña e só traballando xuntos, mellorando as nosas explotacións e facéndoas moito máis grandes e produtivas podemos crear máis riqueza no rural e ofrecer alternativas economicamente interesantes para que as nosas aldeas non esmorezan", sinalou. 


 

NOTICIAS VERÍN | Riós pídelle á Xunta que execute un polígono agroforestal en Pousada