Os deputados ourensáns no Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Viso, Cristina Campero e Víctor Baladrón, acompañados pola alcaldesa popular de Riós, Eva Barrio, visitaron dúas explotacións apícolas no municipio -Mel da Ribeira e Abella Obreira- co fin de coñecer as dificultades ás que se enfrontan os produtores de mel pola competencia desleal das importacións e a elevada mortalidade das abellas.
Logo de visitar as explotacións, os parlamentarios escoitaron de primeira man os detalles da "situación crítica na que se encontra esta produción", segundo expresaron apicultores, que lamentaron a crecente entrada de mel de baixa calidade que está a provocar a caída dos prezos, así como a ameaza constante de enfermidades e especies invasoras como a vespa velutina. "Escoitar aos apicultores é fundamental para defender os seus dereitos e garantir o futuro deste sector estratéxico para Galicia", destacou Miguel Ángel Viso.
Entre tanto, a alcaldesa popular de Riós destacou a importancia da apicultura para o desenvolvemento rural: "A apicultura é unha actividade esencial no noso concello, tanto desde o punto de vista económico como ambiental. É imprescindible apoiar aos nosos produtores e defender a calidade do mel galego".
Defensa do sector apícola galego
A visita prodúcese despois de que o Parlamento de Galicia aprobase esta semana unha proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular para instar ao Goberno central a adoptar medidas urxentes en defensa da apicultura. Os populares reafirman así o seu compromiso con un sector fundamental para o rural galego, lembrando que a Xunta de Galicia ten habilitado 1,4 millóns de euros en axudas para modernizar as explotacións, combater enfermidades e frear a expansión de especies invasoras.
