
Riós acollerá unha nova edición de Latexos do Rural, que organiza o actor e director local Rubén Riós coa produtora Claqueta Coqueta e a Asociación Cultural da Castaña. Será os vindeiros 26 e 27 de novembro cando se festexen os 15 anos poñendo en valor a cultura no rural coa participación de moitas caras coñecidas, como a presentadora Silvia Jato, a actriz lucense Benedicta Sánchez ou Irene Villa. Tamén as artistas Iria Estévez e Paulinha D´Arzoá; o Bruxo Queiman ou a Charanga Ardores.
Venres, 26 de novembro
O festival dará comezo o venres 26, a partir das 18:30h, no salón de actos de Riós, onde se vai poder visitar unha exposición fotográfica que recollerá toda a traxectoria destes últimos 15 anos. Ás 19:30h, quenda para as mulleres na mesa redonda 'A muller rural creativa', con Benedicta Sánchez, Silvia Jato e Paulinha D´Arzoá.
Ao remate, o amor será o protagonista da man de Eladio e Marina, naturais das Vendas da Barreira e protagonistas dun dos episodios da webserie Arrieiros Somos, que revelarán os segredos dun amor incondicional que xa dura máis de 70 anos. O capítulo coa súa historia será proxectado a continuación.
Para concluír a primeira xornada, emisión en primicia de Outros camiños, un documental de Rubén Riós que versa sobre a historia de superación de persoas con parálise cerebral que conseguen, nada máis e nada menos, realizar o Camiño de Santiago dun xeito diferente pero igual de emocionante.
Sábado, 27 de novembro
Cambio de escenario nesta xornada de festival que se traslada á praza do cruceiro da localidade. Pola mañá, a partir das 11:30h, terá lugar unha 'Ruta do talento', conducida por Silvia Jato e amenizada pola Banda de Gaitas de Pandereteiras de Riós. Haberá cabida tamén para os recoñecementos, coa homenaxe a Benedicta Sánchez, a Irene Villa e ao persoal sanitario do hospital de Verín, rodeados de castiñeiros centenarios. Amenizarán o acto as artistas Iria Estévez e Paulinha D´Arzoá.
Trala sesión vermú e o correspondente pasarrúas, celebrarase un xantar co broche final da coral Cantarela de Riós. Para acudir ao almorzo será requisito imprescindible dispoñer de certificado de vacinación Covid.
Para pechar o evento, pola tarde, celebrarase unha romaría coa música da Charanga Ardores na mesma praza do cruceiro; magosto e queimada tradicional a cargo do Bruxo Queiman.