martes. 30.04.2024
II Foro da Castaña - Riós - 02 (FILEminimizer)
O II Foro da Castaña celebrarase ista fin de semana en Riós.

Riós convertirase, ista fin de semana, no epicentro do sector da castaña coa celebración do encontro profesional que analizará os retos e as oportunidades que ofrece o aproveitamento dos soutos. Un simposio de carácter técnico e práctico que incidirá no axeitado desenvolvemento das producións, co obxectivo de revalorizalas.

Ourense é a principal produtora galega de castaña, motivo polo que o Inorde organiza o II Foro da Castaña; unha segunda edición que terá lugar no Multiusos de Riós, os días 6 e 7 e outubro, ó ser un territorio cunha gran presenza de soutos. A posta en valor dun sector que pode ser motor do desenvolvemento económico do rural é un dos principais obxectivos do simposio.

O foro está dirixido, fundamentalmente, a produtores, propietarios individuais ou agrupacións propietarias de soutos, empresas privadas e entidades públicas involucradas neste sector. Contará coa presenza de destacados profesionais, con ampla experiencia no aproveitamento e comercialización da castaña, que compartirán os seus coñecementos cos participantes.

Profesionalización e boas prácticas

A xornada do venres, 6 de outubro, centrarase ó longo da mañá nas técnicas para mellorar o aproveitamento das producións. Haberá diversos relatorios nos que se abordarán cuestións como: o tratamento de pragas, a xestión conxunta de soutos, os tipos de plantas de castiñeiro ou a recuperación dos soutos tradicionais.

castaña03
O simposio ofrecerá técnicas para mellorar a produción da castaña. | FOTO: Noelia Caseiro.

Xa pola tarde, o foro terá un enfoque máis práctico. Unha exhibición de cociña e repostaría con castaña de Galicia, a cargo da Asociación Cociña Ourense, outra de poda e mantemento do castiñeiro, que impartirán Ricardo Prieto e José Manuel Guerra da empresa Soutogal, e unha conferencia sobre como revalorizar e comercializar a castaña a cargo de Xosé Luis Reza, presidente do Clúster da Comunicación de Galicia.

O sábado, 7 de outubro, realizarase unha visita técnica á comarca do Bierzo para coñecer exemplos de “boas prácticas”. Unha saída que permitirá ver in situ unha nova plantación de castiñeiros con orientación agrícola, en Carracedelo, coñecer á "Agrupación de produtores de venta e comercialización de produto fresco”, de Corullón, así como unha empresa de conxelación de castañas e unha experiencia empresarial familiar de transformación e venda de castaña.

NOTICIAS VERÍN | O Foro da Castaña centrarase na mellora do aproveitamento das producións