A alcaldesa do Riós, Eva Barrio, reuníase hai escasas horas coa directora xeral da Administración Local, Natalia Prieto, para presentarlle os novos proxectos que quere pór en marcha no Concello do Riós "co obxectivo de cubrir as necesidades máis urxentes da veciñanza", explicaba Eva Barrio a ista redacción.
Unha das primeiras preocupacións é que non se volva repetir o problema de abastecemento de auga que padeceron o pasado ano por mor da seca. Neste sentido, Eva Barrio presentoulle á directora xeral dous proxectos que quere desenvolver no Riós con absoluta prioridade.
Dunha banda, a mellora do pozo municipal de abastecemento situado nas Vendas da Barreira. Obras que contemplan a instalación de placas solares para facilitar o bombeo e a creación dun depósito de auga para incendios. Doutra, iniciar os traballos no Mourisco para instalar o pozo de auga con placas solares que melloren a eficiencia enerxética.
"Solicitei todo aquelo que necesitamos con urxencia, pero unha cousa é que presente e outra o que aproben", comentaba Eva Barrio. A resolución dos expedientes debería facerse a finais de abril, polo que no Concello do Riós esperan ter resposta a comezos de maio e poder iniciar as obras.
Precisamente o control do gasto municipal na procura do aforro é o segundo obxectivo que busca cumprir Eva Barrio. Por elo, solicítalle á Xunta de Galicia financiamento para mellorar a eficiencia enerxética no Centro de Saúde e nas instalacións do Concello. Tamén, para maquinaria municipal de obras; en concreto, unha cesta elevadora que permita ó consistorio ser autosuficiente nos traballos no alumeado público e non depender de contratacións externas.
Eva Barrio non deixou pasar a oportunidade de solicitarlle a Natalia Prieto que a Xunta de Galicia considere financiar un tramo máis da ampliación da estrada ó Pedroso. Traballos de ensanchamento que se veñen facendo por tramos, dependendo do orzamento disponible.