miércoles. 24.04.2024
Perfecto Rodríguez e Fabiola García mantiveron un encontro con Eva Barrio para planificar actuacións en Riós.
Perfecto Rodríguez e Fabiola García mantiveron un encontro coa alcaldesa, Eva Barrio.

A alcaldesa de Riós, Eva Barrio, reuniuse coa conselleira de Política Social, Fabiola García, e co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para valorar posibles actuacións no municipio. Un dos eixos principais da reunión foi a apertura do centro de día de Riós, ao que aínda lle faltan algúns detalles para porse en funcionamento.

"Estivemos falando de como e cando o abriremos, baraxando as posibilidades que temos co obxectivo de telo en marcha para finais de ano", explica Barrio. Non hai datas concretas, pero si o coñecemento das cousas que faltan. "Non hai plan de evacacuación, aínda se carece de enganche eléctrico e non dispón de aire acondicionado, isto faría inviable o seu funcionamento con esta vaga de calor", engade a rexedora.

Desde o Concello traballan para axilizar eses procesos e acondicionar por completo o centro para poñelo en marcha o máis pronto posible. O enganche eléctrico sería o paso máis complexo, xa que "se precisa dun proxecto que atrasaría un chisquiño" o súa apertura. Destes inconvenientes falou Barrio con García e Rodríguez para buscar en común un camiño que non dilúa no tempo a posta en marcha do centro.

As instalacións inauguránronse o pasado mes de marzo, despois de contar cun orzamento superior ós 500.000 euros para a súa construcción. A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, participou no seu financiamento xunto coa Deputación de Ourense e o Concello de Riós. O centro conta cunha capacidade de atención para 30 usuarios e dispón de sala de rehabilitación e outros espazos comúns.

 

Na reunión con Política Social, a alcaldesa de Riós tamén puxo sobre a mesa a mellora dun parque que se atopa "algo deteriorado" na parte traseira do Punto de Atención á Infancia. Barrio puxo enriba da mesa a posibilidade de rehabilitalo para ofrecerlle un novo espazo de diversión aos máis cativos. O servizo de axuda no fogar foi outro dos temas que tamén se trataron.

NOTICIAS VERÍN | O Concello de Riós traballa para abrir o centro de día antes de fin de...