viernes. 26.04.2024
WhatsApp Image 2021-05-10 at 11.27.24
José María Lago, á esquerda, alcalde da Gudiña e o rexedor de Riós, Francisco Veiga, de branco, co resto de participantes.

Os alcaldes populares de Riós, Francisco Armando Veiga, e da Gudiña, José María Lago, mantiveron este pasado venres un encontro co presidente da Câmara Municipal de Vinhais, o socialista Luís Fernandes, para estudar as posibilidades de concorrer, os tres municipios e de xeito conxunto, á financiación de proxectos transfronteirizos subvencionables polo programa Interreg no periodo 2023-2027.

Na reunión tamén estaba o deputado popular no Parlamento de Galicia, o exrexedor de Bande José Antonio Armada, un membro da Corporación lusa, Martinho Magno, e o responsable de proxectos europeos da citada Câmara lusa, enxeñeiro Matos. 

Segundo confirmou o rexedor de Riós, Francisco Armando Veiga, "nesa reunión de traballo estudouse a posibilidade de poder acudir de xeito conxunto a esa financiación europea, ninguén dubida de que os intereses dos concellos da Raia cos seus homólogos portugueses son comúns e as posibilidades de traballar conxuntamente abren un abano de grandes oportunidades no desenrolo transfronteirizo", apuntou Veiga Romero. 

Entre as iniciativas que poderían recibir apoio europeo podería estar propostas en materia de infraestruturas, telecomunicacións ou mesmo algúns específicos para loitar contra a despoboación do rural.



"Canto entenderemos que a cooperación é progreso?"

O rexedor da Mezquita, o nacionalista Rafael Pérez, tivo coñecemento da reunión polos medios de comunicación, e non quixo deixar pasar a oportunidade de expresar publicamente o seu malestar por non ter sido convidado: "Paréceme incrible que, aínda que fose a primeira toma de contacto, non se tivera en conta ao concello que presido, porque é moito máis limítrofe co territorio portugués co que pode ser A Gudiña ou Riós. Comparto a iniciativa pero sempre, e máis no rural, a cooperación entre municipios con problemáticas comúns ten que ser a vía do progreso, alén de ideoloxías e cores políticas", sinalou Pérez Vázquez. 

A Mezquita-Rafael Pérez-rexedor-alcaldeRafael Pérez Vázquez, alcalde da Mezquita. | FOTO: Iván Iglesias. 
 

Estratexia común de Riós, Gudiña e Vinhais para optar a fondos europeos