Venres. 29.03.2024
Elvira Rodríguez, encamiñándonos ás Tanxugueiras. | FOTO: Iván Iglesias.
Elvira Rodríguez, encamiñándonos ás Tanxugueiras. | FOTO: Iván Iglesias.

Hoxe vénse de facer público a palabra do ano e "Tanxugueiras" foi o vocábulo máis votado no sitio web da Real Academia Galega (RAG), por diante doutras palabras como gromo, vacinódromo -moi de actualidade de novo-, coada ou resiliencia. 

As Tanxugueiras, nunha das súas actuacións. | FOTO: Tanxugueiras.com.A banda galega Tanxugueiras. | FOTO: Tanxugueiras.com. 

Ninguén dubida de que grande parte de responsabilidade do éxito tivo moito que ver coa cada vez máis indiscutible popularidade do trío formado polas irmás Maneiro -Olaia e Sabela- e Aida Tarrío, integrantes da banda que aspira, con Terra, a participar na LXVI edición do Festival da Canción de Eurovisión que terá lugar no Pala Alpitour de Turín, Italia, en maio de 2022.

De sairen gañadoras do certame de Benidorm, sería a primeira vez que no eurovisivo festival soase unha canción en galego, composición que, como xa é marca da casa, combina elementos da música tradicional con outros máis modernos. 
 

Nesa cruce de camiños comezan As Tanxugueiras de Fumaces. | FOTO: Iván Iglesias.Neste cruce de camiños comezan As Tanxugueiras de Fumaces. | FOTO: Iván Iglesias. 

A RAG sinala que malia non estar no diccionario, Tanxugueiras é o plural dun microtopónimo. En concreto, refírese a unhas terras da localidade de Fumaces, no Riós, moi cerca da saída 150 da autovía A - 52. Aínda que tamén se poden atopar lugares co mesmo nome noutros concellos galegos como Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña), Viana do Bolo ou incluso en Terroso (Vilardevós). 

E ata alí se dirixiu un dos nosos reporteiros, para coñecer, con exactitude o lugar que lle deu nome ás valentes galegas que buscan resucitar a música tradicional galega dende a perspectiva de xénero e, como non, a identidade rural. 

A veciña de Fumaces, Elvira Rodríguez. | FOTO: Iván Iglesias.Elvira Rodríguez, a veciña de Fumaces que nos levou ata As Tanxugueiras. | FOTO: Iván Iglesias. 

Non seriamos capaces de atopar o sitio sen a inestimable colaboración dunha veciña de Fumaces, Elvira Rodríguez, que coñece á perfección ás Tanxugueiras -grupo e sitio físico-. Ela mesma lembra como participaron en varias romarías organizadas por un veciño da localidade, Fernando Chao, máis coñecido como "Fernando Fumaces", amigo das primeiras, e que ben pudo ser un dos responsables de que o trío galego leve ese nome cando aínda elas estaban a procurar un verdadeiramente representativo. 

Pois iso, "para todos os que queiran coñecer o lugar" -di Elvira-, "As Tanxugueiras estanlle entre A Figueiriña da Chá, O Penedelo e o Camiño do Val do Muíño", ri. "Pero onde verdadeiramente queremos que estén é en Eurovisión", remata. 

De Fumaces a Eurovisión