domingo. 19.07.2026
O encontro centrarase nas claves para a supervivencia do sector: da sanidade e a mellora xenética á xestión da madeira e a recuperación dos solos tralos incendios forestais

O Foro da Castaña analizará no Riós a folla de ruta do futuro dos soutos

castiñeiros
O IV Foro da Castaña celebrarase no Riós os días 3 e 4 de outubro.

O Riós acolle esta semana, os días 3 e 4 de outubro, a IV edición do Foro da Castaña, un encontro esencial para a proxección do sector. O foro está consolidado como un espazo de coñecemento e diálogo necesario para afrontar os desafíos do castiñeiro, un sector clave e motor de desenvolvemento da economía rural galega.

O simposio, que se celebrará no mulitusos do Concello de Riós, reunirá a produtores de castaña, propietarios individuais ou agrupacións propietarias de soutos en Galicia, así como a representantes de empresas privadas e entidades públicas que traballan nalgún ámbito vencellado a este sector. Dado que conta con aforo limitado, o prazo para formalizar a inscrición remata hoxe, 30 de setembro.

O evento profesional organizado polo Inorde contará coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e do presidente do Inorde, Rosendo Luis Fernández, encargados de inaugurar o foro xunto coa alcaldesa do Riós, Eva Barrio. Como vén sendo habitual, a primeira xornada estará dedicada ás conferencias profesionais e á exposición de maquinaria; mentres, a segunda xornada será a das visitas técnicas, que este ano será na veciña localidade portuguesa de Trancoso. Unha saída de campo para coñecer técnicas de xestión sostible dos soutos.

Venres: conferencias, exposición e degustación

O programa técnico centrarase en conferencias de alto nivel a cargo dunha mesa de relatoras e relatores profesionais; darán comezo a partir das 10:15 horas do venres. Abordaranse temas cruciais como a sanidade forestal e a recuperación de solos tralos incendios, coa intervención de Servando Álvarez sobre "Rexenerando cinzas: o chan esquecido nos incendios" e a presentación dun tratamento experimental contra o cancro do castiñeiro a cargo de técnicos forestais de Seaga, e a mellora xenética coa bióloga Beatriz Míguez, que falará da importancia dos portaenxertos e da nova xeración de híbridos nas plantacións de castiñeiros.

Asemade, haberá dúas conferencias centradas na madeira de castiñeiro. José Antonio Lorenzo exporá as súas características e propiedades, e Roque Rodríguez falará dos "Tratamentos do castiñeiro para madeira e a súa relación coa estrutura de combustibles forestais". José Antonio Liñares e José Manuel Queijas serán os encargados de dar a coñecer a importancia das asociacións para a mellora do cultivo de castiñeiro. 

20251003 IV Foro da Castaña O Riós, programa
Programa completo e horarios do IV Foro da Castaña.

A xornada tamén contará cun foco na innovación gastronómica. A investigadora Marta Ciordia presentará a diversificación das variedades de castañas e Begoña Vázquez ofrecerá un showcooking técnico sobre cociña con castañas. O almorzo será unha degustación de produtos de castañas.

Sábado: saída de campo

A segunda xornada do Foro da Castaña, o sábado, estará dedicada ás xa tradicionais visitas técnicas que permiten coñecer in situ a aplicación práctica de coñecementos en soutos doutras localidades. Este ano será en Trancoso (Portugal), rexión integrada na DOP da Castaña dos Soutos da Lapa, e a xornada comezará coa presentación de dous grandes proxectos: o LIFE FAGESBEE e o Banco de Xermoplasma de castiñeiro.

Posteriormente, realizarase un percorrido guiado ao souto do proxecto LIFE FAGESBEE, unha plantación modelo onde se explicarán técnicas de xestión sostible e de control de patóxenos. Ademais, a comitiva desprazarase ao Banco de Xermoplasma de Castiñeiro de Trancoso e a un souto da variedade "Martaínha", unha das variedades autóctonas máis destacadas da rexión.

O Foro da Castaña analizará no Riós a folla de ruta do futuro dos soutos