
Eva María Barrio López naceu o 13 de xullo de 1974 na cidade alemana de Heidelberg. Esta cancro do Navallo (Riós) é Graduada en Enxeñería Forestal, Máster Universitario en Planificación Territorial e Xestión Ambiental, en Prevención de Riscos Laborais e funcionaria de carreira da Deputación Provincial de Ourense. Foi alí onde comezou a súa vida laboral como enxeñeira. Logo de cubrir vacantes na Xunta, pasou a Tragsa como técnica, ata que se fixo cunha praza de funcionaria na Deputación. Promocionou anos despois acadando unha xefatura de negociado: Xefa da Sección de Zonas Verdes na Área de Medio Ambiente.
Solteira e sen fillos, di ter a "inmensa sorte de contar con miña nai". Vive a cabalo entre Ourense, Verín e O Riós e sempre mantivo un contacto estreito ca súa aldea, O Navallo, participando nas súas asociacións, e tamén cunha gran parte da veciñanza do Concello.
Eva Barrio é, dende o mediodía deste sábado, a nova alcaldesa do Riós trala renuncia de Francisco Armando Veiga Romero.
Supoño que é todo un reto tomar o relevo dun “animal” político como Francisco Veiga, con tres décadas contando coa confianza do electorado…
É un grande reto, desde logo, el deixa o listón moi alto.
Como chegou Eva Barrio á política municipal e por que?
Desde que teño uso de razón sempre tiven inquedanzas políticas, con 18 anos xa traballaba nos procesos electorais. Cando Francisco me propuxo acompañalo na lista non o dubidei. Sempre coa pretensión de traballar pola veciñanza e polo noso Concello.
É evidente que chegar un ano antes das eleccións é o paso previo para a súa futura candidatura, non si?
Estou a disposición da Dirección Provincial do meu partido e do que decida. Pero realmente a intención e o desexable é que sexa eu.

Pensando xa na cita de Riós 2023, cal é o municipio que quere para os seus veciños de agora en adiante?
Quero un concello que teña a maior cantidade de servizos para que a veciñanza teña unha calidade de vida mellor. Apostar pola xuventude para que realmente podan vivir no rural e do rural.
Como vai a ser o día a día como alcaldesa, considerando que ten o seu traballo en Ourense? Pregúntoo porque poda que algún veciño tema non ter á súa alcaldesa tan accesible como tiña antes ao anterior rexedor.
Vou estar accesible a tódolos veciños sempre. Uns días no despacho do Concello e o resto do meu tempo libre tereino dedicado a eles. É evidente que a nova política ten que ir neste sentido, compatibilizar a vida profesional e política. Concellos pequenos coma o Riós, afogados polos ingresos cada vez menores e con débedas, non se poden permitir pagar un soldo digno aos/as seus rexedores/as.
Eu non vou a vivir do Concello, senón do meu traballo.
Francisco Veiga afirmou que seguirá como concelleiro. Supoño que será difícil manter unha liña distinta a que el trazara, polo menos nestes 12 meses que restan ata os comicios municipais.
Cos orzamentos deste ano aprobados, vou seguir a mesma liña. Eso non quere decir que non se vaia notar o cambio. Ao final somos persoas e temos procederes distintos.
Cales cre que son os principais problemas de Riós aos que quere darlle solución?
O principal problema de Riós é exactamente o mesmo que o de todos os concellos do rural, a despoboación, a dispersión e o envellecemento da mesma. A falta de emprego e de oportunidades para a poboación activa en xeral, para a xente moza en particular. E a falta de valoración que temos de non apreciar o lugar no que vivimos o suficiente. Non cremos no noso potencial e polo tanto non podemos avanzar, esa mentalidade hai que cambiala.
Algún obxectivo inmediato para estes 100 primeiros días que se lle soen outorgar aos que chegan a alguna responsabilidade política?
O que pretendo que fagamos estes 100 primeiros días é por en marcha proxectos que están pendentes.
Defina con tres palabras ao seu antecesor.
Cordial, xeneroso e servicial.
Postos a definirse, fágao de vostede, tamén en tres palabras.
Humilde, responsable e servicial.