jueves. 25.04.2024
Vellarróns Entroido Riós (2)
Vellarrón do Riós, traxe tradicional do Entroido. | FOTO: Concello de Riós.

O Concello de Riós celebrará o sábado de Entroido nas rúas de Riós e de Marcelín, que verán pasar ós tradicionais e coloridos traxes dos Vellarróns nunha xornada que pretende revitalizar e promover a celebración das festas de Don Carnal. O Vellarrón é a figura típica do Entroido do municipio. Traxe e máscara desapareceron hai décadas por múltiples causas, pero foron restauradas e recuperadas no Entroido do 2007, cando apareceron no desfile do Entroido de Verín. Dende entón, cada ano súmanse máis persoas vestidas co traxe do Vellarrón.

Na aldea de Castrelo de Cima existía a máscara e mailo traxe do Vellarrón dende tempos inmemoriais. Da súa confección encargábanse homes e mulleres. No Entroido, os Vellarróns saían en grupo polas rúas de Castrelo de Cima e das aldeas veciñas para pedir diñeiro ou viandas coas que facer un festín carnavalesco. Acompañando ós Vellarróns ían as Madamas, mulleres vestidas con roupas elegantes, e os Farrangóns, homes disfrazados con roupas vellas e coa faciana tapada encargados de recoller o que daban os veciños.

Ó paso dos Vellarróns facendo soar as chocas e azontando co látigo a cantos atopaban na rúa, as xentes cantaban aquelo de: "Vello, vello, Vellarrón, mete os cartos no bolsón!" para que gardaran os cartos que lle daban veciños e veciñas. Na Veiga do Seixo tamén existía a tradición dunha máscara moi semellante, coa diferenza de que o traxe estaba confeccionado con papeis de cores e non con cintas de tea.

Programa do Sábado de Entroido no Riós

Dende o Concello de Riós recomendan a asistencia con disfraz para facer Entroido. Os nenos e as nenas que participen no desfile infantil recibirán un vale-agasallo.

  • 11 horas: desfile de Entroido en Riós e Marcelín.
  • 12 horas: petiscos e baile en Marcelín.
  • 13:30 horas: desfile infantil.
  • 14 horas: magosto popular na Praza do Concello con castañas e chourizos.
  • 19 horas: música da Banda Instrumental de Riós para amenizar a festa en Marcelín.

ENTROIDO 2023 | Os Vellarróns de Riós sairán á rúa o sábado de Entroido