O outono en Riós comeza cunha fermosa iniciativa: a segunda edición do Ciclo de Teatro na Rúa, un evento que leva a cultura e a tradición directamente a diferentes parroquias do concello. Esta proposta, que xa tivo un gran éxito o pasado ano, volverá encher de música, risas e emocións as rúas e prazas das aldeas, achegando a cultura a todas as veciñas e veciños do rural, especialmente á xente de máis idade.
Tal e como xa destacou a alcaldesa de Riós na primeira edición do ciclo, o obxectivo é "darlle vida ás aldeas e non só á capital do municipio". Con esta filosofía, o Concello busca converter as distintas parroquias en escenarios culturais, facilitando que a veciñanza poida gozar de espectáculos de calidade sen ter que desprazarse. É un esforzo por manter viva a vida cultural e social do rural, apostando pola proximidade e o compromiso coa comunidade.
Localidades e horarios
O ciclo de música e teatro na rúa terá lugar ao longo dos meses de setembro e outubro. Nesta segunda edición, a cidadanía volverá gozar do talento da Banda de Gaitas do Riós e do grupo Namarella Teatro, que ofrecerán un espectáculo pensado para todos os públicos alternando pezas teatrais e música. A programación levaraos a diferentes puntos do municipio nas seguintes datas:
- 19 de setembro: Cortegada, 19:30h.
- 23 de setembro: Veiga do Seixo, 19:00h.
- 27 de setembro: O Riós, 17:30h.
- 27 de setembro: Progo, 19:30h.
- 7 de outubro: A Trepa, 19:00h.
- 21 de outubro: A Eirexa, 19:00h.

