viernes. 19.04.2024
A alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, coa conselleira Ángeles Vázquez.
A alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, coa conselleira Ángeles Vázquez.

A Xunta de Galicia construirá tres vivendas protexidas de madeira no concello de Oímbra no marco dun proxecto piloto que busca impulsar novas promocións residenciais de carácter público nas que prime o uso de materiais sostibles e respectuosos co entorno.

Este foi o asunto central da reunión que mantiveron esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Ana Villarino, quen se amosou moi satisfeita coa elección do seu municipio para albergar a primeira experiencia deste tipo que impulsa o Goberno galego na Comunidade.

Pola súa parte, a responsable autonómica salientou a notable compoñente medioambiental do proxecto, no que, segundo explicou, a madeira será o material principal, aínda que tamén se empregarán outros igualmente respectuosos co medio e propios das construcións tradicionais galegas.

Neste sentido, Vázquez Mejuto incidiu en que con este proxecto piloto o Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Axencia Galega da Industria Forestal perseguen un dobre obxectivo: por un lado, facilitar o acceso a unha vivenda de promoción pública (VPP) non só en grandes cidades, senón tamén en municipios de menor tamaño, e por outro, apostar pola aplicación de criterios de sostibilidade construtiva nas súas promocións.

A previsión do Goberno galego é poder licitar o contrato do proxecto destas tres VPP unifamiliares en Oímbra antes de que remate este primeiro trimestre.

Se os resultados son bos, a conselleira indicou que a Xunta baralla estender esta experiencia piloto a outros municipios galegos e, de feito, xa hai algún concello que ten amosado o seu interese por este tipo de vivendas protexidas.

A Xunta construirá tres vivendas protexidas de madeira en Oímbra